Elisa Seoane, do Galaico Sincro, convocada pola Selección Española de natación sincronizada

Pontevedra
30 de xuño 2015

A deportista pontevedresa é unha das 12 nadadoras de categoría infantil que representará a España na próxima Copa Mediterránea

Elisa Seoane coas súas adestradoras do Galaico Sincro
Elisa Seoane coas súas adestradoras do Galaico Sincro /

Chegar dende Galicia ao equipo nacional de natación sincronizada. É a xesta que logrou a nadadora pontevedresa Elisa Seoane, marcando un antes e un despois na aínda nova historia desta modalidade deportiva na comunidade.

A representante do Galaico Sincro gañou un posto entre as 12 nadadoras que representarán a España na Copa Mediterránea en categoría infantil, máximo encontro internacional da categoría.

A deportista pontevedresa tivo que superar un duro proceso de selección para lograr un posto no equipo. Primeiro colocouse entre as 18 mellores de España ao longo da tempada na modalidade técnica de figuras, e despois superou seis compañeiras nunha proba que consistía en executar a rutina coa que a selección nacional competirá neste evento internacional.

Os rivais de España nesta copetición será equipos como o de Rusia, Grecia ou Italia, entre outros.

Esta noticia supón un reforzo ao traballo realizado con escasos apoios polos clubs galegos de sincronizada.