Empata o Arosa co líder, complícase o Céltiga e o Villalonga sorprende ao Ribadumia

O Salnés
25 de marzo 2018

Empate entre o Arosa e o líder Compostela, nun partido de poder a poder. Perigosa derrota do Céltiga no seu propio campo fronte a un rival directo como o Cultural Areas e vitoria, tras 23 xornadas, do Villalonga, que sorprendeu no derbi comarcal a un Ribadumia desacertado no remate

Partido entre Arosa e Villalonga na Lomba
Partido entre Arosa e Villalonga na Lomba / Arosa SC

Empate entre o Arosa e o líder Compostela, nun partido de poder a poder. Perigosa derrota do Céltiga no seu propio campo fronte a un rival directo como o Cultural Areas e vitoria, tras 23 xornadas, do Villalonga, que sorprendeu no derbi comarcal a un Ribadumia  desacertado no remate.

Ambientazo nas bancadas e partido intenso, propio da importancia dos puntos en xogo o que disputaron na Lomba o Arosa e o Compostela. Ao final xusta repartición de puntos que fai máis líder ao equipo santiagués e permite aos de Jorge Otero manter esperanzas de seguir soñando co play-off.

Primeira parte de alternativas, cun Arosa que se adiantaba aos 17 minutos ao rematar Javi Pazos de cabeza un centro de Julio Rey. Desde ese momento o Compostela buscou o empate e dispuxo de dúas grandes oportunidades para conseguilo antes do descanso, a primeira á media hora, cun remate de Primo que se foi ao poste, e a segunda, por partida dobre, aos 37 minutos, cando Lloves rexeitou un tiro de Santi e Saro non puido aproveitar, rematando desviado.

Tras o descanso viuse a un Compostela máis dominador ata que preto da hora de xogo Samu facía o 1-1, cun disparo raso e cruzado nada máis entrar na área.

O que quedaba de partido ofreceu a ambos os equipos dominando por fases. Primeiro foron os visitantes os que parecían cercar a área arlequinada, para terminar o Arosa encerrando aos composteláns, pero sen conseguir crear ningún dos dous conxuntos serias ocasións para desfacer un xusto empate.

Consulta o acta do partido Arosa-Compostela nesta ligazón.

Nada menos que 23 xornadas despois volveu gañar o Villalonga e fíxoo fronte a un Ribadumia que buscaba a tranquilidade definitiva ante posibles arrastres, pero que se viu superado en San Pedro nun partido equilibrado no que decidiu o maior acerto ante a porta rival.

Os locais sacaron tallada das súas contras para adiantarse no marcador aos 15 minutos de partido, por medio de Aarón Paredes, ampliando vantaxe Hugo Pintos a falta de cinco minutos para o descanso.

A pesar de tentalo e dispoñer de claras oportunidades para marcar, o Ribadumia estivo negado no remate e terminou encaixando unha dolorosa e sorprendente derrota.

Consulta o acta do partido Villalonga-Ribadumia nesta ligazón.

Outro que se complica e moito é o Céltiga, que caeu derrotado no Salvador Otero fronte a un rival directo pola permanencia como é o Cultural Areas.

Os visitantes abrían o marcador no primeiro minuto de partido, por medio de Mintegui, pero Paco, ao transformar un penalti empataba no minuto 16.

Cos dous equipos buscando a vitoria, sería o Areas quen lograse marcar, aos 74 minutos, cun gol de Yelco que lles abre a posibilidade de eludir o descenso, algo que parecía imposible non fai moitas xornadas.

Os nervios finais polo moito que había en xogo custaron a expulsión xa co tempo cumprido a Yago Yao e Jorge Fortes, primeiro e segundo adestrador dos visitantes.

Consulta o acta do partido Céltiga-Cultural Areas nesta ligazón.