Empate agridoce en Riazor para un Pontevedra que perdoou (1-1)

Pontevedra
18 de setembro 2022

Duelo sufrido e de emocións fortes o que regalaron o Deportivo e o Pontevedra aos case 16.000 afeccionados que asistiron a Riazor este domingo para ver o primeiro derbi da tempada. Dominaron os locais durante practicamente toda a primeira parte aínda que sen abrir o marcador, e foron os granates os que golpearon primeiro e mesmo puideron sentenciar, pero tivéronse que conformar cun empate tras sucumbir na recta final o empuxe do cadro coruñés

Os xogadores do Pontevedra celebran o gol de Brais Abelenda en Riazor
Os xogadores do Pontevedra celebran o gol de Brais Abelenda en Riazor / Mosrey Fotografía

Duelo sufrido e de emocións fortes o que regalaron o Deportivo e o Pontevedra aos case 16.000 afeccionados que asistiron a Riazor este domingo para ver o primeiro derbi da tempada. Dominaron os locais durante practicamente toda a primeira parte aínda que sen abrir o marcador, e foron os granates os que golpearon primeiro e mesmo puideron sentenciar, pero tivéronse que conformar cun empate tras sucumbir na recta final o empuxe do cadro coruñés.

Desde o minuto uno o Deportivo deixou clara a súa aposta: realizar unha presión alta, afastar o balón da súa portería e non deixar xogar aos de Lérez, que non estaban cómodo sobre o verde, non atopaban velocidade e non lles duraba a pelota. Iso si, cando a tiñan os locais replegaban rápido e protexían ben os espazos.

Era o cadro branquiazul o que máis dominaba, realizando transicións rápidas que facían dano o Pontevedra, que por momentos achicaba balóns como podía. Salvouse no minuto 24 do primeiro tanto do Dépor, anulado por fóra de xogo para fortuna dos granates.

Prometía un envite complicado para o Pontevedra, moi labrado en defensa pero con dificultades á hora de chegar a área rival. De feito, a primeira intervención de Mackay non foi ata o minuto 28. Centrou Alberto Rubio ao área pequena e o gardameta local anticipouse á chegada de Charles.

Pero seguía sendo o Deportivo o dominador. Avisou cun balón ás costas da defensa que recibiu Antoñito na banda dereita, pero centrou tarde e Quilez chegou forzado. Tamén tivo o 1-0 a balón parado tras unha falta ao bordo da área de Ángel Bastos que se saldou en amarela para o granate, pero o disparo de Ibai deu na barreira.

A primeira chegada a área despois do descanso foi do Pontevedra, que saíu do vestiario con ganas e provocou unha clara situación de perigo que desbaratou con moitos apuros a defensa local.

O partido xa era outra cousa, os dous equipos estaban máis estirados e gozaban de máis ocasións. O Pontevedra saíu decidido a cambiar a situación e puido anotar por mediación de Álex González, pero o capitán rematou forzado. Tamén o Dépor puido inclinar a balanza ao seu favor con senllos disparos de Quilez que se foron desviados.

Aos de Antonio Fernández estaban a saírlle ben as cousas e de tanto roldar a portería de Mackay chegou o gol. Púxoa o capitán desde o córner, cabeceou Miguel Román ás costas da defensa, que quedou quieta, e Brais Abelenda, o máis listo da clase, meteu a punteira da bota e enchufó o esférico no fondo da rede. 

Os de Coruña estaban nerviosos, o cronómetro ía na súa contra e necesitaban unha reacción urxente para remontar o resultado adverso. A Borja Jiménez non lle gustaba o que vía, moveu ficha con cinco cambios e cambiou o sistema de xogo, igual que Antonio Fernánez, que soubo ler o xogo rival e meteu metralla en ataque con Rufo e Oier Calvillo.

Foi Calvillo, precisamente o que puido sentenciar o partido cunha xogada desde a banda dereita, pero forzou a xogada demasiado no canto de pasar o balón a Rufo, que estaba só, e Álex Bergantiños chegou para desbaratar a xogada e desviar a córner.

O partido chegaba á recta final e rompeu. O balón ía dunha área a outra e calquera podía anotar. Pero foi o Dépor, o que soubo aproveitar a indecisión granate para facer o empate en Riazor cun centro de Quilez que rematou Soriano desde o punto de penalti para facer o 1-1.

Ata o final tocou sufrir os continuos intentos dos branquiazuis de facer o segundo tanto e o Pontevedra aguantou, rascando uns segundos cada vez que podía e conformándose cun punto en Riazor despois de ter o 0-2.

RC DEPORTIVO (1): Mackay, Antoñito (Olabe), Lapeña (Zalazar), Jaime, Raúl Carneiro (Gorka Santamaría), Álex Bergantiños, Diego Villares, Mario Soriano, Quiles, Rubén Díez (Trilli) e Ibai (Víctor Narro).

PONTEVEDRA CF (1): Álvaro Cortés, Ángel Bastos, Samu Araújo, Churre, Miguel Román, David Soto, Álex González (Guèye), Brais Abelenda (Mario Ortiz), Yelko Pino (Borja Domínguez), Alberto Rubio (Oier Calvillo) e Charles (Rufo).

Goles: 0-1, Brais Abelenda, min. 57. 1-1, Mario Soriano, min. 89.

Incidencias: Partido correspondente á cuarta xornada de Primeira RFEF no Estadio ABANCA Riazor ante aproximadamente 16.000 afeccionados.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora