Táboas entre o Ceuta e o Poio Pescamar na vixésimo oitava xornada de Primeira Iberdrola (2-2). O equipo de Luís López-Tulla remontou o tanto inicial das locais pero concedeu o empate a nove minutos da conclusión.
Este resultado pon fin á serie de oito vitorias consecutivas e mantén ao cadro poiense segundo na clasificación.
Impuxo o seu ritmo e o seu xogo o conxunto conserveiro no tramo inicial do encontro a un Ceuta que non atopou a maneira de danar a defensa visitante.
As posesións máis longas eran para o Poio Pescamar e as primeiras ocasións do encontro naceron de xogadoras como Carolina Bravo e Chuli, que obrigaron a Sara Soares a empregarse a fondo para manter o empate no marcador. Yanira apareceu por primeira vez no minuto 8 para deter con acerto un disparo afastado de Mailen.
Cargouse con catro faltas o conxunto ceutí a doce minutos para o ecuador, factor que condicionou enormemente a defensa dos locais ao verse ao límite das cinco infraccións. De feito, unha boa acción de Chuli ao bordo da área obrigou a Morgana a cometer a quinta a oito minutos do descanso.
Carolina Pedreira converteuse na gran protagonista no minuto 13 con dúas accións totalmente opostas. En primeiro lugar, a portuguesa anotouse con moi mala fortuna en propia porta para adiantar ao Ceuta e, uns segundos despois, refíxose cun disparo desde fóra da área que devolveu as táboas ao marcador (1-1).
As gardametas lucíronse de novo con dúas intervencións de mérito. En primeiro lugar foi Sara Soares quen se estirou para frustrar o intento de Chuli e, pouco despois, Yanira despexou a córner un lanzamento con perigo de Natalia.
Aínda que ambas as contendas puideron romper o empate, o encontro chegou ao seu ecuador con máxima igualdade e todo por resolver para o segundo tempo.
O talento de Martita deu ás ao equipo de Luís López-Tulla grazas a un auténtico golazo desde fóra da área no minuto 3 da segunda metade. A coruñesa recibiu o esférico nun saque de banda e, sen pensalo, superou a Sara Soares cun potente disparo que tocou na cepa do poste antes de entrar na portaría.
Tratou de reporse o equipo ceutí cunha ocasión clara de Claudia Navas, pero Yanira leu moi ben as súas intencións e detivo o man a man para manter a vantaxe no marcador. Gislene tamén a tivo pouco despois cun lanzamento afastado que se foi desviado.
O encontro torceuse para o cadro conserveiro a nove minutos do final, pois Sara Soares detivo unha dobre ocasión clara de Èlia e Rafa Pato e Susana aproveitou o contragolpe para bater a Yanira e facer o 2-2.
Entrou a pista Elena para defender a portaría poiense no tramo final e a gardameta resultou decisiva para deter un man a man a Claudia Navas nun novo contragolpe dos locais. A pesar de que a posesión era do Poio, cada perda de balón convertíase nunha transición clara para o conxunto de Antonio Fernández.
Non renunciou á vitoria o equipo de Luís López-Tulla, que tamén tivo as súas opcións e rozou o gol a catro minutos do final nun disparo de Rafa Pato que se estrelou na madeira. De feito, o técnico apostou polo ataque de cinco nos minutos finais con Ale de Paz como porteira xogadora.
A propia capitá puido romper o empate nun remate franco no segundo pau que se foi desviado por moi pouco. A igualdade non se desfixo até o asubío final e o Poio Pescamar sumou un punto que pon fin á serie de oito vitorias consecutivas.
O conxunto poiense mantense segundo na táboa a dúas xornadas para o final de liga e recibirá a Les Corts a próxima fin de semana na Seca.
Consulta o acta neste enlace.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.