Os xogos de mesa en España comezaron a repuntar en 2019. O confinamento pandémico do ano seguinte foi un momento de eclosión e a súa práctica seguiu á alza desde entón.
Coa atención posta nesta práctica de lecer, dous pontevedreses asociáronse para crear unha app (aplicación dixital). Comezaron a traballar nela hai tres anos e Rock Stats está dispoñible en Android e Apple desde o pasado mes de marzo.
Non é unha app que dixitalice xogos de mesa, é unha aplicación pensada para os seus "Board gamers". Explícano no podcast 'Cara a cara' Guillermo Cerviño Porto, pontevedrés, quen se encargou do desenvolvemento da app; e Miguel Ángel Ferreira Lorenzo, caldelano, quen se asociou ao primeiro achegando o capital necesario para o proxecto.
"Coa aplicación podes rexistrar os teus xogos, os xogadores, o tempo xogado, os puntos que obtivo cada persoa e con eses datos sácache as túas estatísticas. Non é só rexistrar esas partidas, podes subir fotos das mesmas ou facer comentarios que outros poden ver, organizar eventos con reserva... é unha aplicación moi intuitiva e moi sinxela de usar".
A iniciativa non pretenden que se limite ao espectro dixital, queren convertela na primeira rede social - virtual e presencial - de xogos de mesa en España. "Temos un grupo que se coñeceu en Tarragona grazas a nós e que se xuntou, xogou e que agora ten unha comunidade bastante grande. Ou sexa, ao final socializamos non só virtualmente, senón persoalmente tamén. Iso é o que ao final buscamos", comentan.
Ese caso exemplifica o perfil máis numeroso que rexistran na aplicación: "moitísima xente á que lle gustan os xogos de mesa e non ten un grupo habitual de xogo ou mesmo non coñece a ninguén. E a nosa aplicación ten ferramentas para coñecer xente en diferentes cidades de España e polas en contacto".
Séguelles "o 'Board gamer' de toda a vida, que xa controla temas como eurogames, ameritrash, as bases de datos de BGG e sincroniza todo iso". Na súa maioría son persoas adultas, de corenta anos en diante, un 60% homes e un 40% mulleres.
A oferta de xogos de mesa non é restrinxida precisamente, a web Board Game Geek cataloga máis de cen mil títulos no mundo. Quen dixo aburrimento?
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.