Con só nove xogadores dispoñibles, entre lesións e compromisos laborais, afrontou o Leis Pontevedra o seu último compromiso ligueiro do ano na Segunda B de fútbol sala, o que condicionou o rendemento dos de Manu Cossío.
A pesar diso os pontevedreses sumaron un punto en Alba de Tormes ante o Albense (3-3), aínda que concluíron o partido cunha sensación amarga. Acabaron decepcionados porque o traballo realizado durante os primeiros 38 minutos desvaneceuse nos dous últimos cos locais xogando da cinco.
Nunha primeira parte con pouca historia o Leis conseguiu adiantarse no marcador aos 13 minutos, cun gol de Dani. O partido mantívose igualado en xogo desde ese momento ata a tolemia dos minutos finais. Raúl puxo o 0-2 cun dobre penalti aos 35 minutos para que o Albense recortase un minuto despois.
Refíxose o Leis para encarrilar de novo o choque aos 38 minutos cun tanto de Gus, pero os locais sacaron o porteiro-xogador e aproveitaron os erros pontevedreses para marcar dous goles e igualar a falta de 20 segundos.
O empate fai ao Leis perder forza na clasificación, caendo á sexta praza con 24 puntos, a cinco de distancia xa do segundo clasificado.
Pola súa banda o ADFS Bueu retomou ao fin a senda do triunfo logrando tres puntos vitais ante un rival directo como o Atlético Benavente (6-3). Os do Morrazo foron a remolque ata o 2-3, xa no segundo acto, pero tiraron de orgullo para voltear o partido a falta de tres minutos e sentenciar nos últimos instantes.
Os tres puntos permiten aos de Javi Santos abandonar o faroliño vermello da clasificación, sendo agora décimo quintos con 12 puntos.
A próxima xornada ligueira en Segunda B disputarase xa en 2016, concretamente o día 16 de xaneiro cun Leis-Bembrive e un O Esteo-Bueu.