Empates de Leis e Bueu na segunda xornada ligueira

Pontevedra
28 de setembro 2015

Os pontevedreses rabuñaron un punto ante un dos favoritos do grupo, o Noia, mentres o Bueu empataron na cancha do Ventorrillo  

Manu Cossío no partido entre Leis Pontevedra e Noia Diego Torrado

Boas sensacións as mostradas polo Leis Pontevedra na súa estrea como local esta tempada. 

Os de Manu Cossío arrancaron un empate ante un dos equipos chamados a pelexar polos postos altos, o Noia FS, e preto estivo do triunfo.

Con todo a primeira parte estivo dominada polos coruñeses, que se adiantaron por medio de Álex e contaron con opcións para ampliar a renda. Non o lograron e o Leis aos poucos foi mellorando.

O panorama cambiou na segunda metade, cos pontevedreses presionando en cancha rival e gozando das mellores ocasións. Así chegou a igualada, obra de Barcala, e puido chegar o segundo, pero ao final o marcador non se moveu do 1-1.

Tamén empatou o seu partido o Bueu, nesta ocasión a domicilio na cancha do Ventorrillo (2-2), o que supón o seu primeiro punto na Segunda B.

Os dous equipos fixeron méritos suficientes para levarse o triunfo nun partido de ida e volta no que os de Javi Santos sobrepuxéronse ás baixas e igualaron o marcador ata en dúas ocasións.

Os goles dos do Morrazo anotounos Rodri.

A próxima xornada o ADFS Bueu recibirá ao Cistierna e o Leis xogará na cancha de Gardo FS.