Rubén Domínguez: "Xa non somos o Real Madrid da categoría, que ficha os xogadores máis caros nin os mellores"

Pontevedra
05 de xuño 2025
Actualizado: 06 de xuño

O adestrador do Pontevedra está a participar activamente na confección do novo plantel, tomando "decisións de maneira conxunta e en equipo" xunto a Charles, Jacobo Maestre e Lupe Murillo

Rubén Domínguez, na súa presentación como adestrador do Pontevedra CF

Acaba de aterrar no Pontevedra Club de Fútbol, pero Rubén Domínguez xa exerce como novo adestrador e involúcrase nas primeiras decisións deportivas.

Mentres iso sucede e entre unha chamada e outra ofreceu as súas primeiras entrevistas aos medios de comunicación locais, entre os que se atopa PontevedraViva, para profundar sobre a súa idea e o que espera na nova etapa que abre na entidade granate.

Como viviches os teus primeiros días como adestrador do Pontevedra e cales foron as túas impresións?

Estou a vivilos con normalidade. O que fai calquera adestrador. Falar cos xogadores que xa teñen contrato, falar con xogadores que poidamos neste momento convencer, falar moito co club, falar moito coa contorna e ir coñecendo un pouquiño cada vez máis o Pontevedra por dentro.

Sorprendeuche o que te atopaches?

Si. Ao final a dimensión que ten o club xa o ves en todos os fotógrafos e xornalistas que estabades na presentación. A primeira palabra que dixen foi responsabilidade, e é a que vou volver a coller con maiúsculas. Sabemos a responsabilidade que supón adestrar ao Pontevedra e estou completamente seguro de que vai saír ben.

Cal cres que debe de ser o obxectivo do club a curto e medio prazo?

Témolo que ter todos clarísimo. En catro anos que levan as categorías RFEF, o club só estivo un ano en Primeira e non chegou a 40 puntos. Entón temos que ser moi responsables, consolidar o club na categoría, o seguinte paso sería facernos respectar na categoría e o seguinte paso soñar na categoría, pero iso son tres pasos que hai que ir dando.

Que os podemos acelerar, xenial, pero xa non somos o Real Madrid da categoría, a nivel económico xa non es o que ficha os xogadores máis caros, nin os mellores. Vas competir con equipos como o Nàstic, o Andorra, a Porferradina... Son equipos con estruturas de Segunda División ou filiais de equipos de Primeira que teñen orzamentos de 60 millóns de euros. Aquí só hai 40 equipos e imos estar no rango orzamentario entre o 28 e o 40.

Rubén Domínguez, na súa presentación como adestrador do Pontevedra CFMónica Patxot

En Ourense estabas moi implicado na planificación e na confección do plantel. Vai ser igual aquí en Pontevedra?

En Ourense levabámola Adrián (Abalo, o seu axudante) máis eu, e o ano pasado uniuse Manu Morgade, pero aquí está Charles, está Jacobo Maestre, está Lupe e está Adrián. Estamos un pouco tomando as decisións de maneira conxunta e en equipo.

Falando do plantel, a normativa permite 25 futbolistas en nómina. Chegaremos a esa cifra?

Non creo que ocupemos as 25 fichas, tendo un xuvenil en División de Honra e o Pontevedra B quitaríalle ese espazo aos xogadores. Eu creo que nos podemos manexar entre 20 e 22 xogadores e logo ter ese espazo para que futbolistas da canteira poidan entrar no día a día. Isto quere dicir que van xogar no Pontevedra? Non o sabemos. Os que teñen que tirar a porta abaixo son os rapaces.

E veremos un terceiro porteiro no equipo?

Non o sei, estamos agora mesmo coa construción de plantel e como sabes ás veces queres unha cousa e hai que cambiala, hai que ir axustando. Aquí o compoñente dos sub-23 tamén xoga, entón é algo que hai que valorar.

Volvendo un pouco a vista atrás e para que os afeccionados te coñezan mellor. Estiveches seis tempadas no Ourense CF chegando a Primeira RFEF desde categoría rexional. Que pasou para decidir deixar o equipo a pasada tempada despois de só nove xornadas?

É moi fácil de explicar. Parece que eu estiven seis anos e nove partidos e valóranme moito polos nove partidos, e creo que son o único adestrador de España que adestrou o mesmo club en cinco categorías distintas, iso non se fai sen conseguir obxectivos ou conseguir éxitos por riba dos obxectivos marcados.

Quero lembrar que o Ourense era un orzamento normal de Terceira e ascendeu, en Segunda RFEF era un orzamento de media táboa baixa e ascendeu. O ano pasado deseñamos creo que un plantel moi bo, como logo se demostrou, pero o que pasou é fútbol, o grupo era fantástico pero non demos coa tecla e eu antes que levar por diante o grupo optei por facer un reseteo, saír e que entrase outro con ideas frescas, ideas novas.

Rubén Domínguez, na súa presentación como novo adestrador do Pontevedra CFMónica Patxot

Vímos no pasado como usabas diferentes esquemas, quizais máis veces ese 4-2-3-1. É o debuxo que veremos en Pontevedra ou dependerá dos futbolistas?

É que non creo nos debuxos. Primeiro tes que saber que xogadores tes. Temos a idea de por onde imos camiñar, o segundo será como sacar o
mellor dos xogadores e onde máis renden, e o terceiro, é que no campo móvese, o sistema pode ser un 4 -3 -3 pero ti logo montar con 3 na base, con 2 por dentro, nun lado dous abertos e noutro só un... A nós gústanos ser o máis sorprendentes posibles.

Non nos pechamos a unha cousa concreta, e ademais creo que hai que ir evolucionando durante o ano e ter a maior riqueza na maior cantidade de cousas posibles. Atacar ben, defender ben, ser detallistas no balón parado, tentar ser moi completo en moitas fases. Entendo que ás veces se poida crer que iso é defensivo, pero nós quero lembrar que promediamos case dous goles por partido o ano do ascenso.

Chegas con Adrián Abalo como axudante. Falaches xa co club sobre o resto do corpo técnico?

A idea é dar continuidade á xente do club, porque cremos que se hai talento nun club non podes chegar tampouco como un elefante nunha cacharrería.

Na túa presentación fixeches referencia a como apertaba Pasarón nas túas visitas como rival. Soñas con velo cheo e envorcado co equipo?

Sen dúbida, e é unha das cousas que máis insisto. Nun club hai catro patas, a executiva, a parte deportiva co corpo técnico e os xogadores, a vosa que é a prensa, e a afección. Se todos reman na mesma dirección, todo é máis fácil. Se hai friccións, sempre se tende a debilitar o club. Iso é o que temos que tentar conseguir, que todos pensemos que o Pontevedra está por riba de todos e todo, porque cando Pasarón roxe, os equipos tremen.

Por último. Cando empezaredes a pretempada?

Estamos a esperar a ver que día é oficial que empeza a Primeira RFEF e a partir de aí estaremos a traballar entre 7 e 14 de xullo. Son as datas que manexamos.