Día 1 da nova etapa de Rubén Domínguez como adestrador do Pontevedra Club de Fútbol.
O técnico ourensán foi presentado oficialmente este martes no Estadio Municipal de Pasarón acompañado da presidenta do club, Lupe Murillo, e tamén de dous dos responsables da parcela deportiva, Charles Dias e Jacobo Maestre.
"Será o noso adestrador na tempada 25/26", comezou confirmando a dirixente antes de dar paso ás súas primeiras palabras como preparador granate e tamén de referirse ao vivido coa saída de Yago Iglesias.
"Temos unha responsabilidade moi grande por vir aquí. Sabemos o que é xogar como visitantes en Pasarón e sabemos o que esta afección pode chegar a empuxar e converterse no xogador número 12. Imos necesitar a unión de todos", sinalou na súa primeira intervención Domínguez, que chega a Pontevedra acompañado de Adrián Abalo.
"Se xuntos podemos conseguir esa unión todo vai ser máis fácil", salientou.

Sobre a negociación coa entidade da Boa Vila: "cando chama o Pontevedra pouco hai que pensar", asegurou.
"É moi difícil para un adestrador falar o primeiro día porque isto vai de gañar. Non sei canto tempo vou estar pero espero que sexa moito tempo", explicou.
Os seus obxectivos, afirma, pasan por "primeiro consolidar o club nesta terceira categoría e a partir de aí dar pasos para devolverlle á afección e á cidade a ilusión por chegar algún día a iso que nos últimos 63 anos só se conseguiu en 2004", explicou en relación ao soño de chegar ao fútbol profesional.

Pero que se pode esperar de Rubén Domínguez como adestrador? O técnico responde: "A nós gústanos o rock and roll, gústanos buscar a portaría rival, sobre todo nun campo como Pasarón que a pouco que deas se nota que roxe. Gústannos situacións de presión alta, de chegar rápido á portaría, pero tamén nos gustan os equipos organizados. Creo que o noso aceno de identidade é ser o mellor posibles en fase defesiva, ofensiva, transicións e ser detallistas a balón parado".
Pero para iso será importante saber con que futbolistas contará, e é que "ao só ter tres xogadores con contrato teño moi clara a idea pero o xogo vai depender dos xogadores", polo que "temos primeiro que construír o plantel".

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.