A saída de Yago Iglesias do Pontevedra Club de Fútbol seguiu coleando esrte martes no Estadio Municipal de Pasarón na presentación do novo técnico granate, Ruben Domínguez.
Era a primeira comparecencia pública da presidenta do club granate, Lupe Murillo, acompañada de Charles Dias e tamén de Jacobo Maestre, e a dirixente aproveitou a ocasión para trasladar o seu punto de visto sobre todo sucedido tras o final da tempada.
"O Pontevedra Club de Fútbol ofreceulle a renovación a Yago Iglesias, se el estaba dispoñible", insistiu Murillo aludindo ao comunicado publicado no seu momento pola entidade, unha proposta á que segundo a presidenta Yago Iglesias respondeu que "si, pero dáme tempo".
"Déuselle tempo, e á semana seguinte volvéuselle a dar máis tempo e ao final chegou a noticia de que se pechaba unha etapa", engadiu.
"Non somos dubidosos de apostar por Yago Iglesias, nas boas e nas malas", defendeu ante os medios de comunicación lembrando que se lle renovou "a pesar de non ter ascendido o ano anterior".
Por iso, queixouse Lupe Murillo, "o que eu non entendo son as mentiras interesadas".
"Yago trasladou que era a fin dunha etapa. Ascendeu e entendeu que a súa etapa aquí tiña concluído. A partir de aí que cada un saque as súas conclusións", sinalou visiblemente molesta.
En canto ao resto de planificación do plantel, a máxima mandataria do Pontevedra avanzou que "a partir de hoxe que nos sentamos co adestrador empezaremos a tomar decisións no plantel", xa que "o primeiro era buscar o líder", afirmou en referencia a Rubén Domínguez, e ademais moitos futbolistas "pediron tempo para pensar". Mesmo, sinalou, "hai xogadores nosos que se están ofrecendo a outros equipos galegos, iso é unha realidade".
Preguntada tamén polo orzamento para a próxima tempada tras o ascenso a Primeira RFEF, Lupe Murillo avanzou que "estamos a tentar buscar patrocinadores" para incrementar os ingresos, pero afirmando que "non é un problema o económico este ano a planificación do plantel".
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.