Horas despois de facerse oficial o final da súa etapa como adestrador do Pontevedra Club de Fútbol, Yago Iglesias rompeu o seu silencio cun comunicado para despedirse do cub granate.
No texto, publicado nas súas redes sociais, o técnico asegura "despois de dous anos inesquecibles, chegou o momento de pechar unha etapa que sempre levarei no corazón".
"Xuntos conseguimos un ascenso que nos volveu a ilusionar a todos e vivimos noites máxicas na Copa do Rei que quedarán gravadas na historia recente do club", afirma.
Yago agradece á afección "todas as mostras de apoio recibidas estes días" e por ser "o verdadeiro motor deste club", pero tamén aos xogadores "por deixalo todo no campo", aos seus compañeiros no corpo técnico "por ser familia" e ao propio Pontevedra "por confiar en nós estes dous anos e permitirnos desenvolver este proxecto que culminou co ansiado ascenso".
Por todo iso, explica o ribeirense, "hoxe marcho co corazón cheo e a conciencia tranquila. Sei que o Pontevedra CF seguirá a crecer porque ten unha base sólida, unha afección incrible e un futuro prometedor".
Iglesias defende ademais na súa despedida que "me gustaría marchar como cheguei, sen facer ruído".
Faino, iso si, "cun orgullo que non me cabe no peito do que conseguimos entre todos, pero por riba de todo... do como".
Razóns máis que suficientes para deixar unha porta aberta a un posible regreso no futuro ao club de Pasarón, xa que para Yago "isto non é un adeus, é un até pronto", finaliza no citado comunicado.