Faltaba só a confirmación oficial, e xa se produciu.
Cun breve comunicado compartido aos medios de comunicación e a través das súas redes sociais, o Pontevedra Club de Fútbol fixo oficial este martes que Yago Iglesias non seguirá sendo o seu adestrador a próxima tempada tras o ascenso a Primeira RFEF.
Un texto que ratifica a noticia sobre a saída do técnico, que este luns puido confirmar PontevedraViva.
Na súa explicación a entidade granate asegura que lle comunicou ao técnico "o mesmo día en que finalizou a tempada o interese porque continuase co proxecto iniciado".
Con todo, tras varias semanas sen apenas avances, máis aló de tanteos para coñecer os plans de futuro de cada unha das partes, mantén o Pontevedra que foi o propio Yago o que "trasladou ao club a súa decisión de non continuar desempeñando estas funcións na próxima tempada".
O club granate finaliza o seu comunicado sinalando que "lle agradecemos o seu labor neste tempo, e desexámoslle moita sorte no futuro".
COMUNICADO OFICIAL | Yago Iglesias
— Pontevedra CF 🦴 (@PontevedraCFSAD) May 27, 2025
🔗 https://t.co/QXZ38YDVFS pic.twitter.com/TPub58WBdx
Así se pon fin a unha etapa de dous anos con Yago Iglesias no banco de Pasarón.
Un tempo no que dirixiu ao Pontevedra en 76 encontros oficiais entre Liga, play-off e Copa do Rei, cun saldo de 45 vitorias, 18 empates e só 13 derrotas.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.