E agora que? O mercado galego de adestradores, con opcións para o Pontevedra

Pontevedra
28 de maio 2025
Actualizado: 29 de maio

O casting para ocupar o banco de Pasarón tras a non renovación de Yago Iglesias comezou. Nos últimos anos, a maioría de apostas por adestradores chegaron desde o mercado galego

Saída do túnel de vestiarios do estadio de Pasarón
Saída do túnel de vestiarios do estadio de Pasarón / Mónica Patxot

O Pontevedra Club de Fútbol abriu o casting para o seu banco, tras confirmarse a non renovación de Yago Iglesias despois de dúas tempadas no cargo.

O club granate, que xa comezara a sondar opcións por se o técnico de Ribeira non continuaba, deberá agora intensificar as negociacións para pechar ao seu próximo adestrador, e a recado serán xa moitos os ofrecementos que chegarían ás oficinas de Pasarón.

Neste sentido cabe destacar que desde a chegada de Lupe Murillo á presidencia da entidade, en 2014, ocuparon o posto Manu Fernández, Luisito, Luismi, Jesús Ramos, Juan Carlos Pouso, Ángel Rodríguez, Antonio Fernández, Toni Otero, Juan Señor e o propio Yago Iglesias.

Deles só Pouso, Ángel Rodríguez e Juan Señor chegaron de fóra de Galicia, sendo a tónica apostar polo mercado autonómico.

Un mercado o galego que ofrece actualmente opcións con experiencia tanto en Primeira RFEF como en Segunda RFEF e tamén novos valores, algúns deles con pasado granate. Repasamos algúns deses nomes, con independencia de que estean ou non na lista oficial que manexa o club e sabendo que non son as súas únicas opcións:

FRAN JUSTO

O ourensán é un dos adestradores galegos con maior experiencia actualmente na Primeira RFEF. Acaba de finalizar tempada co Algeciras finalizando nunha cómoda novena posición no Grupo II da terceira categoría nacional, pero acaba contrato e polo momento non renovou co club andauz.

Justo empezou a destacar no Arenteiro, ao que deixou líder de Segunda RFEF para afrontar o reto case imposible de salvar ao Lugo na Segunda División, dirixindo na campaña 23-24 o Real Unión tamén en Primeira RFEF.

ÓSCAR GILSANZ

Actualmente ao cargo do Real Club Deportivo na Segunda División, na que é a súa primeira incursión no fútbol profesional. Coa permanencia asegurada non ten contrato asinado para a próxima tempada e o nome doutros técnicos empeza a vincularse co club coruñés. No caso de non seguir a Primeira RFEF podería ser o seu lugar natural tras dar o salto directamente desde o filial deportivista de Segunda RFEF. Na canteira do Deportivo logrou destacados resultados como o título da Copa de Campións Xuvenil ou o ascenso do Fabril a Segunda RFEF. O betanceiro adestrou ademais a Racing Villalbés e Laracha.

RUBÉN DOMÍNGUEZ

O preparador ourensán é o gran artífice de ascenso do Ourense CF a Primeira RFEF a pasada tempada, superando precisamente en liga o Pontevedra no tramo final do campionato. Con todo só durou nove xornadas no cargo na nova categoría. Na actualidade atópase sen equipo.

FRAN RICO

Aínda non debutou como primeiro adestrador, pero estase a formar para iso ao máximo nivel como asistente de José Luís Mendilibar. O de Portonovo, canteirán granate e futbolista que chegou até a Primeira División téndose formado e debutado co Pontevedra, compartiu con Mendilibar os bancos de Sevilla e actualmente Olimpiakos, cos que gañou dous títulos europeos (Europa League e Conference League), ademais de gañar este curso a liga grega e clasificarse para a Champions League. A súa figura segue a ser moi querida entre a afección granate.

De dar o paso de asumir un banco, facelo na casa sería un 'plus' especial para ambas as dúas partes.

IVÁN CARRIL

Outro exgranate como futbolista (xogou no Pontevedra na campaña 2009-2010) que está a empezar a descatar nos bancos. Aos seus 40 anos é o artífice do ascenso do Noia CF a Terceira RFEF e da súa clasificación no primeiro ano na categoría para o play-off de ascenso a Segunda RFEF, no que foi eliminado polo Estradense. O partido de ida desta eliminatoria foi presenciado en directo pola presidenta do Pontevedra.

A OPCIÓN DE RECORRER AO DA CASA

Fíxoo en máis dunha ocasión o Pontevedra, mirar cara a dentro do club para cubrir o posto de adestrador do primeiro equipo. Así chegaron ao cargo nos últimos anos técnicos como Luismi, Jesús Ramos ou Toni Otero.

Neste sentido tres serían os nomes que xorden nunha primeira radiografía do actual staff da entidade granate. O xuvenil de División de Honra, que salvou a categoría esta tempada, estivo dirixido polo propio Jesús Ramos.

Ademais contan con carné de adestrador nacional Charles Dias e o coordinador da secretaría técnica, Jacobo Maestre, que como técnico chegou a dirixir o Puertollano na Segunda División B.