A Épica Pontevedra regresa en xuño cun percorrido único pola provincia

Pontevedra
30 de maio 2025
Actualizado: 31 de maio

A proba celebrarase os días 7 e 8 de xuño e contará con modalidades de 300, 200 e 100 quilómetros. Os participantes poderán inscribirse de forma individual, por parellas ou en equipos de tres

Presentación da novena edición da Épica Pontevedra Deputación de Pontevedra

A provincia de Pontevedra prepárase para acoller unha das probas de ciclismo de montaña máis emocionantes e singulares do panorama nacional: a Épica Pontevedra.

A proba, que chega á súa novena edición, foi presentada este xoves no Salón de Plenos do Pazo provincial polo vicepresidente Rafa Domínguez.

Domínguez afirmou que é "unha proba única en Galicia e case me atrevería a dicir que tamén a nivel nacional", á vez que subliñou que "volve este ano como unha das máis emocionantes de cantas se celebran nesta provincia extraordinaria que é tamén a provincia do deporte".

A singularidade da carreira, sinalou, está no seu exixente percorrido 'non stop MTB', que se desenvolverá por paisaxes variadas ao longo do seu tres, catro ou seis etapas, dependendo da modalidade elixida.

Os participantes explorarán lugares e recursos naturais de gran beleza como A Canicouva e o parque forestal da Fracha, con vistas da ría de Vigo; a Pedra Filga en Caldas; o Monte Xiabre; a Vía Verde do Salnés; ou o val do río Umia.

Isto converte a proba "nun reto, pero tamén nun agasallo para a vista e un verdadeiro escaparate de todo o que esta provincia ofrece", destacou o vicepresidente.

Por todo iso, Rafa Domínguez asegurou que "para a Deputación sería unha irresponsabilidade non apoiar unha competición que volverá ser un éxito e virá confirmar a importancia de favorecer o desenvolvemento do deporte e a captación de grandes eventos deportivos para impulsar a nosa economía".

A novena edición da Épica Pontevedra chegará á cidade e comarca de Pontevedra, así como ás de Caldas e O Salnés, o fin de semana do 7 e 8 de xuño.

A proba contará con modalidades de 300, 200 e 100 quilómetros, e os participantes poderán inscribirse de forma individual, por parellas ou en equipos de tres.