Un escándalo máis da videoarbitraxe deixa o Pontevedra sen o premio dos tres puntos na Malata

Pontevedra
02 de maio 2026
Actualizado: 18:39

O colexiado asturiano anulou o gol de Compa no minuto 90 por unha presunta falta de Luisao ao comezo da xogada. Este empate deixa pese a todo o conxunto granate en postos de play-off con 54 puntos

Partido entre Racing de Ferrol e Pontevedra en A Malata
Partido entre Racing de Ferrol e Pontevedra en A Malata / Pontevedra CF

Empate polémico do Pontevedra no derbi contra o Racing de Ferrol (0-0). O colexiado asturiano decidiu anular un gol de Compa no minuto 90 por unha presunta falta de Luisao no inicio da xogada.

Apostou Rubén Domínguez por un once inicial con dúas diferenzas respecto da pasada xornada. Rubén López ocupou o sitio de Facu na medular e Joao Resende, que vén asinando grandes actuacións desde o banco, tivo o premio da titularidade na Malata.

Destacou tamén a aposta por Alain, que atrasou a súa posición para partir no centro da zaga xunto a Miki Bosch e Montoro.

A posesión foi total e absoluta para o equipo pontevedrés, que monopolizou o xogo no tramo inicial do encontro ante un Racing que non tivo tapuzos á hora de atrasar as súas liñas.

Niveláronse as forzas co paso dos minutos até o punto de que foi o equipo de Romo quen tivo a priemera ocasión do partido. Tejera probou cun lanzamento afastado que obrigou a Marqueta a estirarse para desvialo.

Este achegamento foi a antesala ao primeiro momento clave do partido. O Racing sacou un córner no minuto 16 e Montoro cometeu un agarrón sobre Chema. O colexiado asturiano non dubidou e sinalou a pena máxima ademais de amoestar o xogador granate.

Solicitou Rubén Domínguez a revisión xa que hai un bloqueo previo que impide a Montoro seguir a súa marca, pero o colexiado mantívose en sinalar a rigorosa infracción.

Sorriu a fortuna ao cadro lerezano, pois Tejera errou o lanzamento e mandou o balón desviado á dereita da portaría de Marqueta.

Tívoa Yelko nun lanzamento de falta desde o frontal ao bordo do descanso, pero Lucas realizou unha das paradas da tempada para sacar da escuadra o golpeo do capitán do conxunto granate. Táboas no marcador ao termo dos primeiros 45 minutos.

XI Inicial del Pontevedra en A Malata
XI Inicial do Pontevedra nA MalataPontevedra CF

Arrincou bronca a segunda parte cun posible penalti sobre Joao Resende que non foi sinalado nin tampouco revisado. Pisou área Compa pouco despois noutra boa chegada do Pontevedra que terminou en saque de esquina.

As ocasións brilaron pola súa ausencia nun derbi que ninguén se atrevía a desnivelar. Apostou entón o técnico ourensán por dous das revelacións das últimas semanas, Facu Ballardo e Luisao, que entraron por Diego Gómez e Rubén López a 25 minutos do final.

Romo tamén xogou as súas cartas coa entrada de Dacosta, que sustituó a Concha nas filas de equipo departamental no minuto 67.

Unha das internadas de Luisao polo carril central terminou en falta desde a frontal, polo que Yelko tivo a oportunidade de probar de novo cun golpeo de tiro libre. Non atinou nesta ocasión e o lanzamento marchou moi desviado.

Todo estaba no aire co partido entrando no dez últimos minutos. Onde o xogo non apareceu si o fixo a vídeoarbitraxe cunha nova revisión por parte do Racing por un posible penalti de Miki que terminou en nada.

Serviuse a polémica no minuto noventa, pois Compa logrou o tanto da vitoria que foi anulado na posterior revisión. O de Pontecesures bateu a Lucas tras dous rexeites, pero o colexiado invalidou o gol no monitor.

E é que o colexiado asturiano, que concedera o tanto en primeira instancia, considerou que Luisao cometera falta sobre Saúl no centro do campo nunha pugna limpa e sen nada aparentemente punible.

Nada máis ocorreu na Malata salvo un festival de cartóns do colexiado asturiano que se saldou coas expulsións de Moncho e Adrián Abalo. Os de Rubén Domínguez sumaron un punto nun derbi gris e de pouco xogo.

A parte positiva é que os granates se manterán en postos de play-off pase o que pase no resto de partidos. Xa son 54 puntos para o Pontevedra, que disputará unha nova final o vindeiro sábado en Pasarón fronte o Athletic B.

RACING CLUB DE FERROL (0): Lucas, Miguel Leal, Artetxe, Chema (Zalaya, min. 74), Álvaro Ramón (Saúl, min. 88), Gorostidi, Tejera, Jairo (Antón Escobar, min. 74), Pascu (Azael, min. 88), Álvaro Giménez e Concha (Dacosta, min. 67).

PONTEVEDRA CF (0): Marqueta, Miki Bosch, Alain, Yelko (Alberto Gil, min. 88), Miguel Cuesta, Joao Resende (Brais Abelenda, min. 76), Vidorreta, Rubén López (Facu, min. 65), Diego Gómez (Luisao, min. 65), Compa e Montoro.

Árbitro: Francisco García (Asturias), auxiliado nas bandas por Pelayo Buergo e Jesús Rodrígo, con Juan Francisco Morato como cuarto colexiado. Amoestou a Álvaro Ramón (11´), Artetxe (43´) e Chema (71´) por parte do Racing de Ferrol e a Montoro (17´), Rubén López (60´), Yelko (67´) e Luisao (86´) no Pontevedra. Tamén expulsou a Adrián Ábalo (93´) e a Moncho (94´) con vermella directa.

Incidencias: Partido correspondente á xornada 35 do grupo I de Primeira RFEF disputado no campo da Malata.