A esgrima da Boa Vila estivo ben representada esta fin de semana na localidade valisoletana de Olmedo, pois o Club Escola Hungaresa protagonizou unha destacable actuación no Campionato de España Cadete que se saldou cunha meritoria medalla de bronce na categoría feminina de equipos.
O club de sabre de Pontevedra comezou a súa participación na cita nacional con Matías Villamor na categoría masculina individual, que superou a fase de grupos con dúas vitorias e catro derrotas e venceu o número 4 da clasificación provisional, Elías Llanos, na primeira eliminatoria.
Non puido repetir a xesta no combate posterior, pois caeu ante o madrileño Van Gent por 15 toques a 6 para ocupar unha meritoria e traballada 16ª posición final.
Maior representación houbo na categoría feminina individual coa participación de Carmen Laia Cubela e Mariña Prieto. Só a segunda puido superar unha esixente fase de grupos cun pleno de vitorias que a situaba na segunda praza da clasificación provisional.
Mariña logrou o triunfo pola mínima na rolda de 32 tiradoras (15-14) e posteriormente quedou eliminada na mesma eliminatoria que o seu compañeiro Matías ao perder contra a madrileña Higuera (15-14). O seu bo facer na fase de grupos situouna nunha definitiva novena posición da clasificación xeral.

A maior das alegrías estaba por chegar da man do equipo feminino da Escola Hungaresa. A Carmen Laia e Mariña Prieto uniuse Rita Pacheco para completar o trío de tiradoras do club lerezano.
A súa xesta arrincou nos cuartos de final ao imporse ao equipo do Club de Esgrima El Gato de Madrid por 45 toques a 34. Avanzaron ás semifinais, rolda na que se viron as caras con outro club da capital como é o Club de Esgrima de Madrid.
Pero nesta ocasión a vitoria foi para as madrileñas. As pontevedresas caeron por 45-30 despois dun rifado coimbate e pasaron a pelexar polo terceiro posto contra o perdedor da outra semifinal, o Club de Esgrima Ágora de Valencia.
Gañar non foi fácil, pois o equipo da Boa Vila tivo que remontar o 10-6 en contra co que arrincou o combate para, posteriormente, manter e xestionar a súa vantaxe até lograr a definitiva vitoria por 45 toques a 34.
Este bronce supón o primeiro metal para o Club Escola Hungaresa en ámbito nacional na categoría cadete e o cuarto en xeral tras as tres medallas conseguidas en edicións anteriores na categoría infantil.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.