Esixencia máxima para o Pontevedra ante un reforzado Real Racing

Pontevedra
21 de xaneiro 2017

Chega a hora da verdade para os granates, que reciben este domingo (17:00 horas) a un claro candidato ao ascenso, o Real Racing Club de Santander, equipo que se reforzou de maneira importante antes de viaxar a Pasarón. As peñas animarán a previa do partido cunha "festa granate" no aparcadoiro traseiro do Pavillón Municipal

Adestramento do Pontevedra en Príncipe Felipe
Adestramento do Pontevedra en Príncipe Felipe / Mónica Patxot

Chega a hora da verdade para o Pontevedra Club de Fútbol. Os granates, cuartos na táboa, poñen a proba este domingo (17:00 horas) a súa imbatibilidade no Estadio Municipal de Pasarón recibindo ao histórico Real Racing Club de Santander, segundo con tres puntos máis.

É un partido marcado en vermello no calendario, pero que segundo ambos os técnicos non será definitivo na loita polos primeiros postos.

Atoparase o Pontevedra un Real Racing cambiado con respecto á primeira volta, na que gañaron con claridade aos granates. As baixas de longa duración de César Díaz, Borja Granero e Óscar Fernández foron cubertas coas chegadas do defensor Israel Puerto, o interior destro Santi Jara e esta semana o centrocampista Jagoba Beobide e o dianteiro Carlos Álvarez, presentado este mesmo venres procedente do Fuenlabrada.

Ángel Viadero, ex-técnico do Pontevedra e agora no cadro cántabro, podería dar minutos aos novos reforzos a pesar das poucas sesións de adestramento dos dúas últimas fichaxes. Con todo no caso de Beobide a súa participación antóllase complicada ao retirarse da sesión do pasado xoves por problemas musculares.

Pola súa banda Luisito blindou as sesións de adestramento do equipo, traballando a porta pechada o xoves en Pasarón e este sábado en Cambados coa intención de facer incidencia no apartado táctico e en como contrarrestar o potencial santanderino.

O adestrador granate recupera para a cita a Miguel Loureiro tras cumprir un partido de sanción, sendo as principais ausencias as dos lesionados Mario Barco e Iker Alegre. Tampouco estará xa Gonzalo tras desvincularse o pasado mércores do club por motivos persoais. O resto de xogadores dispoñibles entraron na convocatoria.

O colexiado do encontro será o asturiano Jaime Ruiz Álvarez.

FESTA GRANATE PARA QUENTAR O AMBIENTE

Tamén será importante a xornada para as peñas do Pontevedra, que unidas na recentemente creada agrupación Norte 1941 organizará unha "festa granate" no aparcadoiro traseiro do Pavillón Municipal dos Deportes.

Desde as 13:00 horas os afeccionados gozarán dunha comida popular que animará a previa do choque.