Espectacular arranque de Jéssica Bouzas en Roland Garros, arroiando a Top-10 Emma Navarro

O Salnés
26 de maio 2025
Actualizado: 29 de maio

A tenista arousá avanzou a segunda rolda do grand slam parisiense tras superar este luns á estadoudinense Emma Navarro, número 9 do ranking mundial, en menos dunha hora de partido

Jéssica Bouzas, nun partido con España na Billie Jean King Cup RFET

Brutal posta en escena de Jéssica Bouzas no segundo grand slam do ano, Roland Garros.

A tenista arousá encaraba este luns o seu partido de primeira rolda na que era a súa segunda presenza no cadro final do torneo parisiense, e facíao cun exixente cruzamento fronte a toda unha Top-10.

A rival era a estadounidense Emma Navarro, número nove do ranking mundial e semifinalista do último US Open, ante a que nunca se medira no circuíto internacional.

Jéssica, que crece en escenarios grandes, saltou á pista Suzanne Lenglen, a segunda en importancia en Roland Garros, sen ningún tipo de complexos.

Tanto é así que rompeu o servizo á súa rival no primeiro xogo, e con gran seguridade ao saque sen ceder unha sóla pelota de rotura avanzou con paso firme para pechar a primeira manga cun 'rosco' de 6-0 en apenas 29 minutos.

O partido non cambiou no segundo set, que comezou igual que o primeiro con break de Bouzas ante unha Emma Navarro que comezaba a desesperar.

Todo lle saía á de Vilagarcía, que se disparaba no set até un 5-0 que practicamente sentenciaba o partido. Foron 11 xogos consecutivos a favor ata que a súa opoñente conseguía un break evitando de novo quedar en branco.

Ao final o encontro pechouse cun 6-0 e 6-1 en só 57 minutos de xogo.

Xa en segunda rolda agora Jéssica Bouzas soña con avanzar no cadro, esperando á súa próxima opoñente do duelo entre a estadounidense Robin Montgomery (116 do ranking) e a francesa Diane Parry, convidada pola organización.