Espírito e experiencias olímpicas para as ximnastas do Club In Mare

Marín
27 de setembro 2015

A ximnasta olímpica Carolina Rodríguez e a tamén internacional Sara Llana protagonizan unha 'master class' no pavillón marinense da Raña

Master Class de ximnasia rítmica organizada polo Club In Mare
Master Class de ximnasia rítmica organizada polo Club In Mare / Diego Torrado

O pavillón da Raña, en Marín, encheuse de soños olímpicos durante toda a fin de semana, o das ximnastas participantes na 'master class' organizada polo Club In Mare.

A ximnasta olímpica Carolina Rodríguez e a tamén internacional Sara Llana impartiron leccións ás novas promesas nas diferentes disciplinas da rítmica.

Ademais compartiron experiencias das súas citas internacionais e atenderon con agarimo ás participantes nas xornadas.

A 'master class' desenvolveuse durante dúas xornadas intensivas, sábado e domingo, que finalizaron cunha exhibición de Carolina e Sara, ximnastas que acumulan presenzas en copas e campionatos do Mundo.

Ambas pertencen ao Club Ritmo leonés, sendo Carolina Rodríguez na actualidade a máxima expoñente da ximnasta rítmica nacional. De feito certificou recentemente a súa clasificación para Río 2016.