Esta vez si, o partido amistoso entre CD Estrandese e Pontevedra Club de Fútbol poderá disputarse.
O duelo de pretempada, cuarto compromiso de preparación dos granates, debía terse disputado este mércores 6 de agosto, pero a alerta laranxa-vermella por calor motivou a suspensión do mesmo ante a orde emitida pola Secretaría Xeral para o Deporte.
Ante esa situación, os dous equipos pactaron a celebración do duelo 24 horas despois, a partir das 21.00 horas deste xoves no Novo Municipal da Estrada.
Pois ben, a Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia emitiu unha nova orde de suspensión da actividade deportiva durante esta xornada en até 16 municipios do interior da provincia, entre os que se atopa A Estrada pero tamén Campo-Lameiro, Cuntis, A Lama ou Moraña.
Con todo nesta ocasión a prohibición cínguese á franxa horaria que vai das 12.00 horas do mediodía até as 21.00 horas da noite.
🟠ALERTA LARANXA
— Deporte Galego (@deporte_galego) August 7, 2025
⚠️ Suspendida a actividade deportiva federada no exterior durante hoxe, xoves 7 de agosto, de 12:00-21:00 h nos seguintes concellos das provincias de:
✔️ Ourense
✔️ Pontevedra pic.twitter.com/JmCru5bpDT
É xusto a esa hora, as 21.00 horas, na que está previsto o Estradense-Pontevedra, un duelo que se mantén e que se salva polos pelos dunha nova suspensión.
A entrada para este partido fixouse en 10 euros para o público.
Tras o duelo na Estrada, o seguinte comprmiso de preparación do Pontevedra disputarase o mércores 13 de agosto en Pasarón fronte ao Arenteiro.