O Club Waterpolo Pontevedra iniciou unha nova aventura co seu equipo absoluto masculino, e fíxoo comezando con bo pé.
O equipo pontevedrés estreouse en categoría nacional, concretamente na Terceira División Nacional, dando un paso máis na súa progresión dos últimos anos.
O seu primeiro compromiso tivo lugar a domicilio, cun longo desprazamento até a localidade manchega de Almansa, na que esperaba o CW Albacete.
Para chegar alí a expedición do Waterpolo Pontevedra viaxou vía Porto, aproveitando o venres para vivir unha xornada de adestramento e convivencia co Clube Fluvial Portuense.
Xa en Almansa, os da Boa Vila acusaron certos nervios e cansazo no tramo inicial do partido, cun primeiro cuarto que finalizou con vantaxe local de 5-4.
Con todo co paso dos minutos e tras varios axustes tácticos, lograron empatar o encontro antes do descanso a pesar das tres exclusións dos seus dous xogadores máis veteranos, Mauro Rivas e Xoán González.
Esa reacción consolidouse nos dous últimos cuartos, de gran acerto ofensivo para pechar o encontro cun contundente resultado de 14-23.
Samuel Iglesias foi elixido como MVP do partido grazas aos 6 goles anotados na súa conta particular.