Estrella Galicia pasa a ser o patrocinador principal nas novas camisetas do Pontevedra

Fútbol
26 de agosto 2025
Actualizado: 14:33

O acordo de patrocinio coa cervexeira renóvase até o ano 2028, confirma a entidade granate, que tamén presentou as súas novas camisetas para a tempada que está a piques de comezar

Presentación das camisetas do Pontevedra CF para a tempada 25-26
Presentación das camisetas do Pontevedra CF para a tempada 25-26 / Pontevedra CF SAD

Confirmación por partida dobre no Pontevedra Club de Fútbol, que este martes desvelou un dos segredos mellor gardados do verán, as súas camisetas para a tempada 25-26 que está a piques de comezar.

Con iso revelou ademais a renovación do acordo de patrocinio con Estrella Galicia, que pasará a ocupar o frontal dos novos equipamentos do primeiro equipo como patrocinador principal.

Trátase dun acordo por tres tempadas, até o ano 2028, segundo informa a entidade de Pasarón, incluíndo o apoio de Cabreiroá ás categorías inferiores do club.

"Estamos moi ilusionados con esta nova etapa na que ocuparemos un lugar predominante no equipamento deportivo", destacou Manuel Eiroa, responsable de Patrocinios Deportivos Iberia en Estrella Galicia, acompañado da presidenta do Pontevedra, Lupe Murillo.

Nas imaxes distribuídas polo club granate, ao non tratarse dun acto público, pódense apreciar as esperadas camisetas, con varias novidades.

No que respecta ao primeiro equipamento, de cor granate, contan un sombreado do Estadio Municipal de Pasarón, ademais de detalles en branco en mangas e pescozo.

E precisamente o branco é o protagonista do segundo equipamento, que contará con pescozo, pantalón e medias de cor granate.

O que aínda non confirmou o Pontevedra é a data na que as equipacioines estarán dispoñibles na súa tenda e a través da páxina web do club, así como o prezo ao que se poderán adquirir ou o período de preventa exclusivo anunciando na campaña de abonados para os que retirasen o carné na primeira fase de renovación.