Exame de nivel para o Peixe Galego ante o Mallorca, un dos favoritos ao ascenso

Marín
15 de novembro 2019

O conxunto marinense recibe este sábado (18:00 horas) na Raña a unha dos planteis de maior potencial da Liga LEB Ouro e faio tras unha semana complicada polos problemas físicos de varios xogadores que provocaron mesmo a suspensión dun adestramento

Adestramento do Peixe Galego na Raña
Adestramento do Peixe Galego na Raña / Mónica Patxot

Foi unha semana complicada para o Peixe Galego, con varios xogadores arrastrando problemas físicos que provocaron mesmo a suspensión dalgunha sesión de adestramento, pero os de Marín non queren poñer escusas ante a visita dun dos planteis de maior potencial da Liga LEB Ouro.

O pavillón da Raña acollerá este sábado (18:00 horas) un exame de gran nivel para os de Javi Llorente, que reciben "quizás al top-1" da competición, o Mallorca, asegura o técnico.

"Tiene un plantilla hecha de jugadores que han estado en ACB o importantes de LEB Oro" e por se non fose suficiente "vienen muy en forma", sinala Llorente sobre un equipo que perdeu os seus dous primeiros partidos de liga pero que agora acumula seis vitorias consecutivas.

A pesar dos aludidos problemas físicos de varios xogadores como Joel Hernández, Romone Saunders ou Juanchi  Orellano, a nota positiva para o Peixe é que todos poderán estar sobre a cancha, incluído un Orellano que volve así ao equipo tras parar unha semana. Desta forma só Álex Mazaira será baixa.

O obxectivo marinense para este esixente compromiso é, sobre todo "ser competitivos como yo creo que lo hemos sido en los últimos partidos",  explica o técnico, e a partir de aí apertar ao máximo os dentes para tentar pelexar se é posible pola que sería a súa segunda vitoria da tempada.