Éxito do Team Thunder que volve da Braga Open Boxing con dúas medallas de ouro

Marín
16 de xullo 2025
Actualizado: 16:19

O club marinense consolida así a súa proxección internacional, especialmente nas categorías inferiores, grazas ao traballo técnico e ao apoio de patrocinadores e colaboradores locais

Deportistas do Team Thunder no Braga Open Boxing
Deportistas do Team Thunder no Braga Open Boxing / Team Thunder

Sete deportistas do club Team Thunder de Marín participaron a pasada fin de semana no torneo internacional Braga Open Boxing, celebrado no AMCO Area da cidade portuguesa.

Os mozos boxeadores marinenses asinaron unha gran actuación.

Destacou especialmente as dúas medallas de ouro conseguidas por Jonathan Fontenla, quen se impuxo con autoridade nos seus tres combates, e Noa Vincelle, que dominou con solidez a súa categoría junior superando a todas as súas rivais.

Tamén brillou o debutante Miguel Pacheco, que logrou unha meritoria prata, tras caer por decisión na final ante un talentoso boxeador de Sevilla.

Outra prata destacada foi a obtida por Troy Montes que, no seu primeiro campionato internacional, superou varias roldas e só cedeu na final fronte ao cinco veces campión de Baréin, considerado o mellor boxeador do Golfo Pérsico.

A pesar de non subir ao podio, outros membros do equipo deixaron moi boas sensacións.

Así, David Vidal loitou con valentía ante un rival máis experimentado do club KK Boxing de Sevilla e Xabi Abal, pola súa banda, caeu ante un sólido boxeador checo co triplo de experiencia.

O capitán do equipo, Aarón González, ofreceu por último un gran combate ante un representante de Cabo Verde, sendo derrotado por decisión dividida.

González, a maiores deste torneo, foi seleccionado para competir proximamente na Warehouse Box Cup, no Reino Unido, para o que realizará unha serie de adestramentos específicos en ximnasios da cidade de Londres.

O club marinense consolida así a súa proxección internacional, especialmente nas categorías inferiores, grazas ao traballo técnico e ao apoio dun amplo elenco de patrocinadores e colaboradores locais que están a apostar polo crecemento do boxeo en Marín.