Do éxtase á desolación: Así se viviu a non clasificación do Pontevedra ao play-off

Pontevedra
24 de maio 2026

Este sábado viviuse en Pasarón un dos momentos máis duros e inexplicables na historia recente do club. O Pontevedra celebrou unha clasificación ao play-off que nunca chegou a materializarse

Presidenta e xogadores do Pontevedra esperando a resolución da RFEF

Todos lembraremos este sábado 23 de maio como o día da non clasificación do Pontevedra Club de Fútbol ao play-off de ascenso a Segunda División. O éxtase e a emoción que desatou o gol de Compa no minuto 105 de partido transformáronse en dúbidas, desesperanza e incredulidade co paso dos minutos tras a celebración.

Todo comezou cun partido que se presentaba favorable para o conxunto granate. En caso de gañar ao Real Avilés, os de Rubén Domínguez xogarían a fase de ascenso independentemente do resto de resultados da xornada. Con todo, un empate facíache depender dos partidos da Ponferradina, Barakaldo e Real Madrid Castilla.

Kevin Bautista silenciou Pasarón no minuto dous de partido e Santamaría debuxou un escenario máis escuro aínda co 0-2 ao comezo da segunda parte. O soño parecía esfumarse.

As noticias non eran malas no resto de campos. A pesar de que a Ponferradina gañaba no Toralín, tanto Barakaldo como Madrid Castilla empataban os seus respectivos encontros fronte a Celta Fortuna e Deportivo Guadalaxara. Todo parecía indicar que un empate sería suficiente para que os lerezanos metéranse nos cinco primeiros postos.

E aínda que o xogo non foi bo, a ilusión e a atmosfera de Pasarón levaron polo aire ao Pontevedra Club de Fútbol para recortar distancias a través de Alain e empatar o encontro no último suspiro cun gol de Álex Comparada "Compa".

Partido entre Pontevedra CF e Real Avilés Industrial en PasarónCristina Saiz

Xogadores, corpo técnico, afeccionados. Todos celebraron ao grande unha clasificación que, segundo decidiu a RFEF, nunca chegou a producirse.

O INICIO DO FIN

Terminou o encontro. O Avilés celebrou coa súa afección a permanencia e o Pontevedra, doutra banda, festexou ao grande o agónico empate que parecía outorgarlles a quinta praza a pesar da igualdade a puntos con Madrid Castilla e Barakaldo (58). Nada transcorreu fóra do normal e as celebracións estendéronse ao longo de varios minutos sobre o céspede de Pasarón.

Aínda por riba, a conta oficial de Primeira Federación publicou nas súas redes sociais unha imaxe felicitando ao club lerezano pola súa clasificación ao play-off. Imaxe, que, polo seu posto, foi eliminada tempo despois. Até o presidente da Real Federación Galega de Fútbol, Pablo Prieto. trasladou á presidenta Lupe Murillo o seu parabén polo sucedido.

Con todo, os rumores sobre unha posible clasificación do Real Madrid Castilla estendéronse como a pólvora tanto dentro como fóra de Pasarón. A alegría transformouse en desconcerto e os xogadores, confusos, permaneceron no céspede do estadio á espera dunha confirmación oficial por parte da RFEF.

O problema comezou pola ambigüidade de dúas normas que se contradin á hora de ditaminar os criterios de desempate na clasificación. Como xa comentamos, a xornada terminou cun triplo empate a 58 puntos que parecía favorecer ao Pontevedra.

Isto débese ás bases de competición de Primeira RFEF, que explican que en caso de empate a puntos na liguiña de tres quedará mellor clasificado o equipo con "maior diferenza de goles a favor e en contra entre os partidos disputados entre eles". Neste suposto é o equipo da Boa Vila quen queda mellor situado xa que conta cun golaveage de +2 e o Castela, doutra banda, cun +1.

Con todo, a RFEF conta cun Regulamento de Competicións cuxa importancia é maior, xerárquicamente, que as bases de competición propias da categoría. Este regulamento aplica unha cláusula excluínte que elimina ao Barakaldo da ecuación por quedar con menos puntos na liguiña e, por tanto, cínguese á diferenza de goles entre os equipos empatados (Pontevedra e Castilla). Neste suposto, os de Rubén Domínguez quedan por baixo do filial merengue.

Presidenta e xogadores do Pontevedra esperando a resolución da RFEFCristina Saiz

A angustia e a incerteza creceron tanto no céspede de Pasarón como nos seus arredores. Ante a ausencia dunha comunicación directa por parte da RFEF, Lupe Murillo e os seus xogadores debateron sobre as posibles interpretacións das normas, algo que tamén fixeron centos de siareiros granates fóra do campo. A estampa era totalmente desconcertante. Edu e Marqueta, que conversaron con varios afeccionados, trasladaron as súas opinións sobre o que podería suceder. Uns eran máis positivos, outros, víano negro.

Unha das poucas noticias chegaba por parte de Emilio Butragueño, que lle confesaba á presidenta do Pontevedra nunha chamada telefónica que a Federación Española confirmou ao club madrileño en varias ocasións que sería o Pontevedra quen disputaría o play-off.

Compareceu Rubén Domínguez nunha breve rolda de prensa para explicar que o luns adestrarían con normalidade á espera do que ditaminase o Xuíz Único de Competición. Todo quedaba no aire e a xente comezaba a desaloxar Pasarón sobre as 22:30

Sete minutos antes das 23:00 estalou a bomba coa peor das noticias para o conxunto galego. A conta oficial de Primeira RFEF, que daba por clasificado ao conxunto lerezano horas antes, publicou nas súas redes sociais de maneira oficial o cadro definitivo para a fase de ascenso. Un cadro no que aparecía o Madrid Castilla e non o Pontevedra.

A entidade granate publicou un comunicado oficial sobre á unha da mañá para explicar que o club "presentará un escrito ante a RFEF esta mesma noite para mostrar a súa desconformidade coa última clasificación publicada pola conta oficial de Primeira Federación".

Péchase así unha tempada tan bonita e ilusionante como desdichada. Rubén Domínguez afirmou tras o polémico empate na Malata que "se nos queren botar dos postos de play-off así van ter que pegarnos catro tiros". Quizá a súa expresión non foi tan esaxerada como o puido parecer no momento. Quizá este equipo nunca competiu en igualdade de condicións por un premio que lle foi arrebatado das mans da forma máis cruel posible.