Fallon Lewis non estará co Arxil no regreso da competición na Liga Feminina 2

Pontevedra
07 de xaneiro 2015

O club verde dá por perdida a súa xogadora para o primeiro partido do ano ante o Bizkaia. Segue en Estados Unidos á espera de recibir a documentación necesaria que lle permita regresar a España. O obxectivo do Arxil é que chegue antes da seguinte xornada, prevista para o 17 de xaneiro

Fallon Lewis no partido entre Arxil e Ensino no CGTD
Fallon Lewis no partido entre Arxil e Ensino no CGTD / Diego Torrado

Mayte Méndez non poderá contar cunha das súas xogadoras habituais no regreso do Club Baloncesto Arxil á competición da Liga Feminina 2.

A estadounidense Fallon Lewis continúa no seu país á espera de recibir a documentación necesaria que lle permita regresar a España.

Esta situación alongouse máis do previsto e o club verde xa a dá por perdida polo menos para o choque desta fin de semana ante o Bizkaia, sendo a única baixa do equipo pontevedrés unha vez recuperados das súas lesións Fany López e Cristina Díaz-Pache.

O obxectivo pasa agora por lograr que Lewis volva a Galicia para a segunda xornada do ano, prevista para o día 17 de xaneiro no Centro Galego de Tecnificación Deportiva contra o ADBA.

Fallon Lewis abandonou Pontevedra o pasado 21 de decembro para pasar as vacacións de Nadal coa súa familia en Denver e tramitar de paso os permisos requiridos polas autoridades estadounidenses e españolas.

Dúas semanas despois a xogadora aínda espera que o FBI lle entregue o certificado de penais que despois deberá presentar no consulado de San Francisco. Unha vez superado ese trámite e co seu contrato laboral en vigor a resolución non debería prolongrase en máis dunha semana, segundo apuntan dende o Arxil, que deberá seguir á espera.