O Pontevedra Club de Fútbol aínda ten por diante moito traballo no mercado de fichaxes.
Se hai poucos días a presidenta granate afirmaba que faltaban "cinco ou seis" futbolistas por chegar, o adestrador granate, Rubén Domínguez, elevou esa cifra nunha entrevista concedida a Radio Nacional.
"Aínda falta un terzo do plantel, fáltannos seis ou sete xogadores para completala", asegurou o técnico.
Domínguez centra ademais as prioridades específicas por posto, avanzando que principalmente "as necesidades son un defensa, un medio e tres atacantes".
Todo iso coa necesidade de axustarse ao orzamento marcado pola entidade, e é que aínda que "todo o mundo quere facer play-off, a realidade é que o orzamento é o que che pon tres postos arriba ou abaixo de onde estás".
O adestrador reitera ademais que o primeiro obxectivo da nova tempada debe ser "estabilizar o club en Primeira RFEF", e despois "semana a semana e partido a partido hai que ser ambiciosos".
De feito, mirando ao medio prazo Rubén Domínguez non esconde que a meta debe ser "o que leva o Pontevedra se non me equivoco 22 ou 23 anos sen conseguir, que é algún día chegar ao fútbol profesional".
Un soño en todo caso "que non se vai a conseguir nun día, nin en dous, nin en tres", concluíu o preparador ourensán.