A Federación de Fútbol suspende o partido Pontevedra CF - CD Numancia en Pasarón polo temporal

Pontevedra
25 de xaneiro 2025
Actualizado: 20:01

A decisión era adoptada arredor das 18.00 horas deste sábado seguindo o aviso oficial da Secretaría xeral para o Deporte anunciando as malas condicións meteorolóxicas que se agardan para a tarde deste domingo 26

Tratamento con area no Estadio Municipal de Pasarón
Tratamento con area no Estadio Municipal de Pasarón / PontevedraViva

A Real Federación Española de Fútbol (RFEF) anunciou a suspensión do encontro entre o Pontevedra CF e o CD Numancia de Soria, programado para este domingo 26 de xaneiro ás 12:00 horas no Estadio Municipal de Pasarón.

A decisión tómase tras un aviso oficial recibido da Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, que informou sobre a suspensión da actividade deportiva federada en varios concellos, incluído Pontevedra, a partir das 15:00 horas de mañá, 26 de xaneiro.

Este partido, correspondente á xornada 20ª do Grupo 1 da Segunda Federación, non poderá celebrarse na data establecida debido ás restricións impostas pola autoridade competente, segundo indica a Federación.

Segundo o artigo 56.a) dos Estatutos da RFEF, a competencia para suspender ou modificar os horarios dos partidos recae nos órganos competicionais, que neste caso deron cumprimento á resolución da Xunta de Galicia, explican na resolución.

O encontro adíase sen unha nova data establecida, que se determinará en función das condicións que permitan a súa celebración.

Os clubs afectados, Pontevedra CF e CD Numancia, así como a Área de Competicións e o Comité Técnico de Árbitros, foron debidamente informados da resolución.

O Pontevedra CF ⁠indicaba a últimas horas da tarde nun comunicado oficial que coñecendo a previsión meteorolóxica para o domingo, xa durante o venres comunicou a "situación climatolóxica ao órgano federativo, quen o trasladou ao CD Numancia co obxectivo de que tivesen a máxima información posible". 

O club granate sinala que se decretou a suspensión do encontro atendendo tanto as indicacións da Xunta de Galicia como do Concello de Pontevedra sobre a situación de risco derivadas¡ do temporal.

Precisamente o Numancia nas súas redes sociais indicaba que fixera o posible por xogar ás 12.00 horas de mañá do domingo ao ser un horario fóra da alerta, "pero non recibimos comunicación ao respecto por parte do club galego".

Sinalan que xa están de volta a Soria tras agardar a decisión final durante dúas horas en Quintanilla de Urz (Zamora) onde o conxunto soriano comera.