Feijóo homenaxea polo ascenso a un Pontevedra "que lle cae ben a todo o mundo"

Pontevedra
02 de xullo 2015

O presidente da Xunta de Galicia recibiu este xoves no Pazo de Raxoi ao plantel, corpo técnico e membros do Consello de Administración do Pontevedra para felicitalos polo ascenso a Segunda B. Feijóo asegurou á presidenta granate que "me gustaría verte pronto aquí outra vez" porque "sería unha sinal de éxito"

Alberto Núñez Feijóo recibe ao Pontevedra tralo ascenso a Segunda B
Alberto Núñez Feijóo recibe ao Pontevedra tralo ascenso a Segunda B / PontevedraViva

O presidente da Xunta de Galicia puxo o broche á tempada do Pontevedra Club de Fútbol cunha recepción oficial ao equipo no Pazo de Raxoi, en Santiago de Compostela, tras confirmar o seu ascenso a Segunda B.

Xogadores, corpo técnico e membros do Consello de Administración, coa presidenta Lupe Murillo á cabeza, recibiron a felicitación do dirixente autonómico, que os foi saudando un a un.

Feijóo sinalou na súa intervención que "Pontevedra volve a ser un equipo como merece a cidade" e que "para Galicia é unha sorte volver ver ao Pontevedra nos campos de fútbol de maior categoría".

O mandatario galego acordouse da historia do club e do Hai Que Roelo para sinalar a humildade como unha das claves para o futuro da entidade, unha calidade que simbolizaba Cholo "conducindo un trolebús", argumentou.

Alberto Núñez Feijóo: "Para Galicia é unha sorte volver a ver ao Pontevedra nos campos de fútbol de maior categoría"

Ademais o presidente da Xunta comentou que "estou convencido que todos aquí queremos o mesmo, consolidar ao Pontevedra na Segunda B e aspirar sen dúbida a seguir ascendendo de categoría".

Antes de concluír o seu discurso, Alberto Núñez Feijóo, recoñeceu non recordar "se algunha vez neste recinto tivemos tantos homes en pantalón curto", un detalle distendido que relacionou como unha das razóns polas que o Pontevedra "é un equipo que lle cae ben a todo o mundo".

Por último Feijóo, que recibiu unha camiseta do club de mans de Lupe Murillo, dirixiuse á presidenta granate para indicar que "me gustaría verte pronto outra vez, sería unha sinal de éxito".

Con este acto o plantel inicia unhas merecidas vacacións de algo máis de 20 días antes de iniciar a pretempada.

O ÁRBITRO DO PONTEVEDRA-MENSAJERO, ASCENDIDO

Antes da recepción oficial da Xunta un dos temas de conversación foi a confirmación do ascenso de categoría, a Segunda B, do colexiado que dirixiu o polémico encontro entre Pontevedra e Mensaxeiro en Pasarón, no que os granates caeron nos penaltis.

O Comité Técnico de Árbitros incluiu ao asturiano César Ramos Domínguez na lista de ascendidos unha vez concluída a tempada.