Pontevedra e Marín despedíronse este domingo dunha fin de semana chea de ciclocrós marcado pola disputa da Copa de España e por unha nova edición do Xaxán CX Internacional, proba de categoría C2.
Ambas as dúas contaron coa participación dos grandes ciclistas nacionais e tamén de países como Bélxica, Países Baixos, Francia ou Portugal, que se deron cita nas dúas competicións para facer vibrar a numerosos afeccionados que se achegaron ata os circuítos situados na Illa das Esculturas e en Chan de Gagán.
Na proba marinense, o campión dos júnior masculinos foi Hodei Muñoz (Alimco Campagnolo), que repetiu podio tras o primeiro posto logrado o día anterior no Gran Premio Cidade de Pontevedra. Unax Galán (Seguros Bilbao Miribilla) volveu ser segundo, pero nesta ocasión a terceira praza do podio foi para o francés Louis Tanguy.
Algo semellante ocorreu na carreira feminina, onde Lorena Patiño (XSM) volveu ser a máis rápida coroándose por segundo día consecutivo como a mellor ciclista júnior. Aroa Otero (Froiz) repetiu prata e Irati Aranguren (Andoaingo Txirrindulari Eskola) colgouse o bronce.
Despois chegou a quenda dos elite masculina, con Felipe Orts (Burgos BH) quitándose a espiña do día anterior para liderar a carreira e facerse co primeiro posto. Nesta ocasión, Kevin Suárez (Nesta) foi segundo e Mario Junquera (Unicaja Banco Xixón), terceiro.
A xornada matinal pechárona as elite feminina, que calcaron o mesmo podio que o día anterior. Desta forma, a belga Laura Verdonscht (De Ceuster-Bonache) repetiu metal dourado, Sofía Rodríguez (Bizkaia-Durango) a prata e Lucía González (Nesta) o bronce.