Non puido comezar mellor o novo ciclo olímpico para Fernando Echávarri e Tara Pacheco na clase Nacra 17 de vela. Ao seu triunfo no recente Trofeo Princesa Sofía, o regatista pontevedrés e a súa compañeira de tripulación sumaron esta fin de semana a vitoria na proba da Copa do Mundo disputada na localidade francesa de Hyères.
Echávarri e Pacheco situáronse desde a primeira xornada nas posicións cabeceiras, e mostraron unha gran regularidade para chegar como líderes ao último día de competición, a Medal Race.
Na última xornada foron mellores que os seus rivais confirmando a medalla de ouro e revalidando o título logrado hai un ano nas mesmas augas.
O equipo galego-canario finalizou con 36 puntos, con 15 de vantaxe sobre os segundos clasificados, os franceses Moana Vaireaux e Manon Audinet, e 20 sobre os terceiros, os daneses Lin Ea Cenholt e Christian Peter Lübeck.