Festival ofensivo do Cisne, que non dá opción ao Tolosa (40-35) e segue crecendo na liga

Pontevedra
26 de novembro 2016

Non empezou ben en defensa o conxunto pontevedrés ante o último clasificado da División de Honra Prata, pero en canto mellorou nesta faceta rompeu o partido demostrando a diferenza actual entre ambos e para irse ao descanso cunha clara vantaxe. Na segunda metade os de Jabato administraron a renda para conseguir o seu sexto triunfo da tempada

Partido entre Cisne e Tolosa no CGTD
Partido entre Cisne e Tolosa no CGTD / Diego Torrado

Sexto triunfo da tempada en liga para o Club Cisne, que non tivo que empregarse a fondo ante o actual pechacancelas da competición, o Tolosa, para levar os dous puntos en xogo no Centro Galego de Tecnificación Deportiva de Pontevedra (40-35).

Os de Jabato non empezaron ben en defensa, pero deron un auténtico recital ofensivo desde o inicio de partido, como demostran os 22 goles a favor cos que chegaron ao descanso e os 40 ao final do choque.

Con esa facilidade para anotar, era cuestión de tempo que o Tolosa non puidese seguir o ritmo, e iso sucedeu mediado o primeiro acto, coa entrada en xogo da segunda unidade de ambos os equipos, cando o Cisne mellorou lixeiramente en defensa e como seguía anotando abriu oco de seis goles (22-15) que obrigou a pedir tempo morto ao técnico visitante.

Probara Álex Nogues, adestrador do Tolosa, cun cambio de defensa do 6-0 inicial a un 5-1 con presión sobre Chapela, que estaba a dirixir a orquestra local, pero nin con esas deu coa tecla para parar os recursos ofensivos cineístas.

Cunha renda tan ampla ao descanso (22-15), o Cisne saíu á cancha na segunda metade coa intención de administrar o marcador e asegurar o triunfo. Fíxoo sen demasiados apuros, a pesar de que o equipo vasco reduciu distancias a falta de pouco máis de 10 minutos (33-29). Recuperáronse desa baixada de rendemento os locais e nin unha dobre exclusión puxo en perigo a merecida vitoria, que fai ao Cisne seguir crecendo e mirar cara aos postos altos da clasificación.

Consulta aquí o acta do Cisne-Tolosa.