Finalizou a tempada 25/26 para a Sociedade Deportiva Teucro cunha vitoria fronte o Granitos Ibéricos Carballal (29-24).
Os de Sergio Carballeira impuxéronse no Municipal nun encontro marcado pola xornada de convivencia que se viviu nas horas previas coa "I Xornada en Familia – Unindo Teucro"
Esta iniciativa reuniu a xogadores da base, familias e contorna do club nunhas actividades lúdicas que se desenvolveron no pavillón durante as horas previas ao encontro. O posterior triunfo puxo o broche de ouro a unha gran xornada de unión teucrista.
E é que os de Sergio Carballeira impuxéronse ao conxunto vigués nun encontro no que os azuis mandaron desde o inicio. O dominio do Teucro no primeiro cuarto de hora obrigou ao banco visitante a pedir o primeiro tempo morto con 10-7 no marcador.
A reacción dos visitantes obrigou ao técnico local a intervir a oito minutos do descanso (11-11). O plan saíu ben, pois o conxunto pontevedrés reencontrouse de novo coa súa mellor versión para irse por diante ao ecuador (14-12).
Ameazou o Carballal con darlle a volta nun énergico inicio do segundo tempo (17-17). Parou de novo o encontro Sergio Carballeira e os seus tomaron a dianteira aproveitando a exclusión de Samuel Barciela. Os locais xa gañaban de cinco a falta de dez minutos (26-21).
O Teucro xestionou a renda sen maiores dificultades e terminou vencendo ao cadro vigués (29-24) para pechar con vitoria unha tempada na que a aposta por xogadores novos foi a nota máis positiva.
Este resultado deixa ao equipo lerezano oitavo con 30 puntos, lonxe do play-off e sen ter que preocuparse tampouco polos postos de descenso. Tempada pechada para a escuadra teucrista.
Ademais, o club aproveitou a ocasión para anunciar o novo patrocinador da próxima tempada. A compañia Lintel pasará a ser o principal patrocinador e, por tanto, substituirá a Lirón no nome do equipo.
Consulta a acta neste enlace.
Engade Pontevedra viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.