Fin á xeira positiva do Arxil, sorprendido no CGTD polo Mataró (68-69)

Pontevedra
30 de marzo 2024
Actualizado: 30 de setembro

Un mal segundo cuarto penalizou este sábado ao Arxil na visita ao CGTD do Mataró. A pesar da derrota as pontevedreses seguen na terceira posición da Liga Feminina 2

Partido de Liga Feminina 2 entre Arxil e UE Mataró
Partido de Liga Feminina 2 entre Arxil e UE Mataró

A boa serie do Club Baloncesto Arxil, que levaba cinco xornadas consecutivas gañando, terminou este sábado na visita do UE Mataró ao pavillón do Centro Galego de Tecnificación Deportiva (CGTD).

Un mal segundo cuarto penalizou en exceso ás pontevedresas, que pese a todo manteñen a terceira praza da Liga Feminina 2, xa clasificadas para o play-off de ascenso.

O encontro arrincou cun primeiro cuarto de tremena igualdade (22-20), pero no segundo parcial as luces apagáronselle ao Arxil en ataque, con só sete puntos conseguidos, mentres o seu rival mantiña as súas cifras. Así ao descanso o marcador reflectía un claro 29-42.

As xogadoras adestradas por Mayte Méndez recuperáronse tras o paso por vestiarios, apertando o marcador no terceiro cuarto (51-59) e chegando a soñar coa remontada nos últimos 10 minutos, nos que apertaron en defensa.

Con todo non lle chegou ao Arxil, que morreu na beira co 68-69 final.

Consulta aquí as estatísticas do CB Arxil - UE Mataró.