O equipo feminino do Waterpolo Pontevedra non puido alzarse co título da Copa Galega Absoluta, ao perder na final ante o CN Coruña (9-4).
As pontevedresas derrotaron con claridade (18-2) ao Pabellón Ourense, na primeira vez que esta competición contaba con catro equipos. Pola súa banda o CN Coruña eliminaba á Asociación Coruñesa de Waterpolo.
Na final o Waterpolo Pontevedra, con varias baixas por lesión, foi inferior ao seu rival a pesar de realizar un bo partido. Foi con todo unha experiencia positiva nunha xornada celebrada na Coruña.
Pola súa banda o equipo alevín do club pontevedrés gozou dunha gran experiencia no XXXI Trofeo Rafael Feliz, en Zaragoza, competición á que acudiron 16 equipos de todo o territorio nacional.
O club pontevedrés desprazouse á capital aragonesa con 8 deportistas, nenos e nenas de 9 a 12 anos, que afrontaron cinco partidos.
Na primeira fase, ante CN Caldes, EW Zaragoza e Leioa, o Waterpolo Pontevedra perdeu ante os dous primeiros, mostrando unha boa imaxe, pero impúxose ao Leioa, pasando na segunda xornada polo noveno posto.
Na segunda fase os alevíns perderon ante La Latina de Madrid pero gañaron de novo a Leioa para finalizar na décimo terceira posición.