Final pola permanencia para o Arxil no CGTD

Pontevedra
15 de marzo 2019

O conxunto pontevedrés recibe este sábado ao Maristas da Coruña (19:30 horas) nun duelo que en caso de vitoria selaría virtualmente a permanencia na Liga Feminina 2

Partido entre o Arxil e o Patatas Hijolusa no CGTD
Partido entre o Arxil e o Patatas Hijolusa no CGTD / Diego Torrado

A hora da verdade aproxímase para o Club Baloncesto Arxil, que a falta de cinco xornadas para a conclusión da Liga Feminina 2 afronta unha auténtica final pola permanencia na categoría.

As verdes deben referendar a melloría que lle fixo abandonar os últimos postos na visita este sábado ao Centro Galego de Tecnificación Deportiva (19:30 horas) do equipo que precisamente marca a barreira co descenso, o Maristas da Coruña.

Trátase dun duelo clave e que en caso de triunfo deixaría a permanencia na man de maneira virtual, xa que o Arxil aumentaría a 3 vitorias a súa vantaxe con só 4 partidos por xogarse.

Ben o sabe o club pontevedrés, que pediu o apoio dos seus afeccionados para lograr un ambiente que axude ás de Mayte Méndez a saír vencedoras dun encontro que se presenta en grao sumo igualado a teor da traxectoria recente de ambos os dous conxuntos.

A entrada ao CGTD será de balde para o público.