Vitoria de dobre valor do Arxil sobre Maristas Coruña (82-52)

Pontevedra
16 de marzo 2019

Hai vitorias que valen por dúas. Maristas Coruña marca os postos de descenso ou permanencia en Liga Feminina 2 e gañara ao Arxil no partido da primeira volta (79-60). De gañar no CGTD, as coruñesas deixarían ás de Mayte Méndez cunha soa vitoria de marxe, pero o Arxil respondeu a un partido vital e fíxoo ao grande

Partido entre Arxil e Maristas Coruña no CGTD
Partido entre Arxil e Maristas Coruña no CGTD / Diego Torrado

Hai vitorias que valen por dúas. Maristas Coruña marca os postos de descenso ou permanencia en Liga Feminina 2 e gañara ao Arxil no partido da primeira volta (79-60). De gañar no CGTD, as coruñesas deixarían ás de Mayte Méndez cunha soa vitoria de marxe, pero o Arxil respondeu a un partido vital e fíxoo ao grande.

Gañou. Fíxoo de forma contundente por 30 puntos (82-52), co que gaña o basquetaverage e queda con tres triunfos de marxe, que en realidade son catro, a falta de oito xornadas para o final de liga case certificando unha permanencia que se antollaba complicada dado o decepcionante comezo do conxunto pontevedrés.

A superioridade local foi absoluta, cunha Cassandra Oursler estelar (25 puntos, 17 rebotes, 6 asistencias e 2 tapóns, para un impresionante 41 de valoración). O equipo verde anotouse o primeiro cuarto por só dous puntos (18-16) para apertar un pouco máis no segundo (24-17) e irse ao descanso mandando por 9 puntos (42-33).

Pero sería no terceiro parcial cando as de Mayte Méndez arroiarían as súas rivais. O parcial (30-8) fala ás claras duns 10 minutos sensacionais, nos que Maristas foi incapaz de frear o vendaval de xogo que se lles veu encima.

Co partido sentenciado (72-41), o Arxil unicamente necesitou regular as súas prestacións, entregando de forma simbólica o último cuarto (10-11), pero asegurando triunfo e average (82-52).

Consulta as estatísticas do partido Arxil-Maristas Coruña.