Os finalistas da Copa Galicia de fútbol sala velan armas desde a ponte do Burgo

Pontevedra
25 de marzo 2026
Actualizado: 18:25

Co Pavillón Municipal dos Deportes ás costas, sede dos encontros polo título autonómico, presentáronse este mércores de maneira oficial as finais tanto feminina como masculina

Presentación das finais de Copa Galicia de fútbol sala
Presentación das finais de Copa Galicia de fútbol sala / Alberto de Madrid Lafuente

Desde a ponte do Burgo, e co Pavillón Municipal dos Deportes ás costas. Así se presentaron este mércores de maneira oficial as finais da Copa Galicia de Fútbol que se celebrarán en Semana Santa en Pontevedra.

Os aspirantes ao título autonómico, acompañados do presidente da Federación Galega de Fútbol, Pablo Prieto, e autoridades como o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, velaron armas para unha cita que reunirá un cartel de luxo, con catro equipos da máxima categoría nacional.

Entre os contendentes, á beira de casa, estaba un Poio Pescamar representado por unha das súas directivas, Sonia García, e pola capitá Ale de Paz, e que buscará apoiado pola súa afección o seu quinto título na que é tamén a súa quinta final.

"Animamos a afección a que veña como fan sempre", sinalaron.

O seu rival, o xoves 2 de abril ás 12.00 horas, será o FSF Castro.

Presentación de las finales de Copa Galicia de fútbol sala
Presentación das finais de Copa Galicia de fútbol salaAlberto de Madrid Lafuente

Ademais, en Pontevedra disputarase a final da Copa Galicia Masculina o mércores 1 de abril ás 20.30 horas entre o Noia Portus Apostoli e O Parrulo Ferrol.

"Pedir ao público de Pontevedra, afeccionados e non afeccionados ao fútbol sala, que veñan porque imos ver un grandísimo espectáculo con catro dos mellores proxectos de Galicia", sinalou na presentación o máximo responsable do fútbol galego, Pablo Prieto.

Pola súa banda Miguel Anxo Fernández Lores animou os seguidores a achegarse a Pontevedra a gozar do evento e da cidade en plena Semana Santa desexando "que dos catro equipos que van disputar a final estivera un de Pontevedra, pero todo se andará, e o traballo que está a facer o Leis vai a permitir que non sei se en moitos ou poucos anos estar aí tamén", defendeu sobre un club local que colabora na organización da gran festa do fútbol sala galego.

As entradas para as finais teñen un custo de 10 euros por partido (de balde para menores de 16 anos con necesidade de retirar igualmente entrada) ou de 15 euros no caso de adquirir un abono.

Presentación de las finales de Copa Galicia de fútbol sala
Presentación das finais de Copa Galicia de fútbol salaAlberto de Madrid Lafuente

 

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora