O Poio Pescamar, a pola quinta Copa Galicia onde todo empezou

Poio
24 de marzo 2026

O club conserveiro encara con ilusión a final da Copa Galicia que se celebrará o vindeiro xoves 2 de abril no Municipal de Pontevedra, escenario no que logrou o seu primeiro título en 2017

Final da Copa Xunta de fútbol sala 2017 no Municipal de Pontevedra
Final da Copa Xunta de fútbol sala 2017 no Municipal de Pontevedra / Cristina Saiz

Coa ilusión por bandeira.

Así encara o Poio Pescamar a que será a súa quinta final de Copa Galicia.

O conxunto conserveiro conta as horas para vivir o duelo polo título autonómico, que terá ademais lugar onde todo empezou, á beira de casa, e é que no Pavillón Municipal dos Deportes de Pontevedra levantou en 2017 o primeiro título da súa historia.

A imaxe do Municipal pontevedrés tinguido de vermello segue viva na memoria dun club que conta con catro títulos de Copa Galicia e que convoca á súa afección na busca do seu quinto trofeo.

Naquel 2017 o Poio Pescamar superou na final o Ourense Envialia. Despois chegarían os títulos en 2018 e 2022 no pavillón marinense da Raña fronte a Burela e de novo Ourense Envialia, completándose o póker en 2024 fronte ao Marín Futsal no pavillón de Príncipe Felipe, tamén en Pontevedra.

Nesta ocasión o rival na gran final será o FSF Castro, equipo tamén da máxima categoría.

O partido disputarase o vindeiro xoves 2 de abril ás 12.00 horas.

As entradas terán un custo de 10 euros (gratis para menores de 16 anos) ou de 15 euros o abono incluíndo a final masculina que enfrontará ao Noia Portus Apostoli e O Parrulo de Ferrol finalmente un día antes e no mesmo escenario, o mércores 1 de abril ás 20.30 horas.

Os boletos poden adquirise na plataforma Cluber, a través do Leis Pontevedra como club anfitrión ou dos equipos finalistas. Ademais habilitaranse os despachos de billetes do pavillón nos días de partido.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora