Fixados os primeiros compromisos de pretempada para o Teucro

Pontevedra
21 de xullo 2015

O equipo adestrado por Quique Domínguez volverá ao traballo o próximo martes 28 de xullo coa mente posta en competir na máxima categoría, posto que aínda debe ratificar a Comisión Mixta este venres

Corpo técnico do Teucro
Corpo técnico do Teucro / Mónica Patxot

Malia que o foco informativo está fixado na reunión do próximo venres 24 da Comisión Mixta, que esperan en Pontevedra ratifique ao Teucro como equipo da máxima categoría do balonmán español, o club pontevedrés continúa avanzando na súa planificación.

Os azuis volverán aos adestramentos o próximo martes 28 de xullo co plantel case ao completo pero sen especialistas no posto de pivote, xa que Gonzalo Carró se encontra disputando o Mundial Júnior con Arxentina e aínda se traballa na incoporación dun xogador para esa demarcación.

Será unha primeira fase da pretempada de moita carga física baixo a supervisión de Toño Puga, pero o corpo técnico teucrista xa fixou tamén catro encontros amigables para empezar a calibrar o nivel do equipo.

O primeiro deles xogarase o sábado 8 de agosto en Tui ante o ABC Braga portugués, mentres un fin de semana despois (14 e 15 de agosto) Baiona e Meaño acollerán senllos choques ante Atlético Novás e Augas Santas respectivamente.

Pecha esta primeira lista de partidos de pretempada o único deles que se disputará en Pontevedra. Será o sábado 22 de agosto ante o Avanca luso nun horario aínda por confirmar.