Un Froiz disposto "a dar guerra" na tempada do seu 39 aniversario

Pontevedra
20 de febreiro 2026
Actualizado: 17:19

O equipo pontevedrés presentou este venres de maneira oficial a nova tempada deportiva cun acto na Deputación de Pontevedra na que reuniu a lendas do ciclismo galego

Presentación do Grupo Deportivo Supermercados Froiz para a tempada 2026
Presentación do Grupo Deportivo Supermercados Froiz para a tempada 2026 / Cristina Saiz

Rodeado de personalidades e de lendas do ciclismo galego. Así presentou este venres o Grupo Deportivo Supermecados Froiz a súa nova tempada, na que cumprirá 39 anos dando guerra dentro do pelotón ciclista nacional.

"Creo que lle imos a dar guerra aos filiais", afirmou con optimismo o director deportivo do equipo ciclista pontevedrés, Evaristo Portela, en relación ás formacións ligadas aos grandes equipo profesionais.

"Queremos loitar pola Copa de España pero temos que ser conscientes das limitacións que hai", engadiu un Portela fiel á súa filosofía do traballo sabendo que o pelexarán ao máximo porque "ao final a estrada pon a cada un no seu sitio".

Foi un acto, o celebrado no Pazo Provincial da Deputación, no que non só presentaron os corredores que defenderán este ano as cores do Froiz, senón no que se lembrou a todos os que apoiaron á formación alimenticia ao longo das últimas décadas.

Desde o falecido Magín Froiz pasando por outras moitas persoas como o tamén desaparecido Máximo Sánchez, gran amante do ciclismo e ligado ao Froiz durante moitos anos.

Álvaro Pino e Óscar Pereiro entregaron ademais as camisolas de campión de España de ciclocrós e de campión da Copa de España ao presidente da Deputación, Luís López, e ao alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores.

"Son case 40 anos de historia do Supermercados Froiz, que é unha referencia do ciclismo, non só galego, senón a nivel nacional. Levan o nome das Rías Baixas por todo o mundo", defendeu o presidente provincial.

Pola súa banda Fernández Lores afirmou que é "un orgullo ter na cidade un clube que é un exemplo para todos".

A nivel deportivo o Froiz, que estes días protagonizou unha concetración de adestramento con todos os seus corredores, afrontará este próximo domingo 22 de febreiro a cita inaugural da Copa de España Elite e Sub-23, co Circuíto do Guadiana que se celebra na localidade estremeña de Don Benito.