O Froiz sorrí en Castela-León e Martín Rey viste de líder

Pontevedra
24 de xullo 2025
Actualizado: 15:47

Mateu Estelrich levou a terceira etapa da rolda castelá, e o arousán do Cortizo conseguiu colocarse como primeiro clasificado do xeneral

Mateu Estelrich vence na terceira etapa da Vuelta a Castilla-León
Mateu Estelrich vence na terceira etapa da Vuelta a Castilla-León / GD Supermercados Froiz

O ciclismo pontevedrés e galego está a darse unha particular homenaxe na Vuelta a Castilla-León, unha das principais roldas por etapas do calendario elite e sub-23.

Na terceira xornada de competición tanto o triunfo parcial como o liderado foron parar a representantes da comarca.

Por unha banda o Grupo Deportivo Supermercados Froiz alzou os brazos con Mateu Estelrich como vencedor da etapa, con 156 quilómetros de percorrido entre Santa Marta de Tormes e Cuéllar.

Estelrich e Manuel Rodríguez foron protagonistas de inicio ao ser parte da fuga principal do día, con 17 representantes. Nela atopábase tamén o arousán Martín Rey, do Equipo Cortizo, e que era terceiro na clasificación provisional.

A escapada prosperou e a vitoria xogáronlla os seus protagonistas nun duro repecho final no que o corredor do Froiz foi o máis forte.

Por detrás a xornada foi redonda para Martín Rey, que entrou segundo en meta colocándose como líder da clasificación xeral.

"Desde saída foise moi rápido e houbo moi bo entendemento na fuga. Agora toca seguir concentrados para defender este liderado até a última xornada", explicou o arousán tras a xornada.