O podio conseguido por Martín Rey (Equipo Cortizo) na Aiztondo Klasika, segunda proba puntuable da Copa de España Elite e Sub-23 de Ciclismo na estrada, non é un resultado calquera para o ciclismo galego.
O arousán, tal e como se encargou de recodar a Federación Galega de Ciclismo, é o primeiro corredor da comunidade que pisa o caixón do certame nacional nos últimos oito anos.
En concreto ninguén o facía desde que Martín Lestido (Supermercados Froiz) rozase o triunfo no Trofeo Guerrita cun segundo posto na edición do ano 2017.
Martín Rey, aínda ciclista en idade sub-23, foi o máis rápido dun trío que estivo a piques de cazar na meta o arxentino Fabrizio Crozzolo (Technosylva), segundo clasificado, e que finalizou a 8 segundos do murciano César Pérez (Finisher).

A Aiztondo Klasika desenvolveuse sobre un exixente percorrido de 133 quilómetros que incluía sete voltas a un circuíto con ascensións ao alto de Aduna (3ª categoría) e os muros de Mendigain e Alkiza.
O corredor do Cortizo asegurou tras a proba estar "contento coas sensacións durante a carreira. Como sempre, na Aiztondo Klasika todo o mundo sae a mil, puidemos colocarnos ben e aguantar cos mellores. É unha pena que se nos escapase o líder nese repeito final, pero satisfeito co resultado positivo. A Copa é longa e esperamos seguir nesta boa liña".
Con este resultado colócase de feito na quinta posición da clasificación xeral con 104 puntos, polos 220 que acumula o líder do certámen César Pérez (Finisher).
A próxima cita do calendario na Copa de España será o Trofeo Guerrita, que se disputará o vindeiro domingo 16 de marzo na localidade murciana de Sumidoiro.