O Círculo Cultural Deportivo Sanxenxo celebra este mes de setembro a 23 edición do ITF World Tennis Tour Juniors, un dos torneos de tenis xuvenil máis importantes do calendario mundial.
O torneo, catalogado como Grao 1 e crucial para xogadores que buscan escalar no ranking mundial, cada ano recibe máis de 500 solicitudes para as categorías masculina e feminina, o que obriga á ITF a realizar unha estrita selección baseada nos rankings globais.
Só un pequeno número de prazas resérvase para Wild Cards que outorgan a Federación Española e a Galega de Tenis, así como o club organizador para que poidan competir futuras promesas nacionais.
Nesta edición destacan xogadores como a viguesa Carlota Souto (Club de Campo) e o coruñés Ramón Talín, xunto a figuras internacionais como o suízo Thomas Flynn (núm. 34 do mundo) e o italiano Michele Mecarelli (núm. 57). Precisamente Italia destaca por ter na actualidade unha brillante canteira de xogadores, dos que seis estarán directamente na Fase Final de Sanxenxo.
O torneo foi presentado este venres nas instalacións da Cultural, coa presenza de José Ramón Lete, Secretario Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, e o presidente da Federación Galega de Tenis, José Mosquera, entre outros.
Francisco Hernández, presidente da Cultural, anfitrión do evento, resaltou a importancia histórica do torneo, lembrando que grandes estrelas actuais do Top Ten ATP, como Jannik Sinner, Carlos Alcaraz, Alexander Zverev e Casper Ruud, disputaron no seu día esta competición en Sanxenxo.
A competición, que se desenvolve nas pistas Greenset da Cultural, dispútase entre o 21 e o 28 de setembro.
Tras a súa conclusión e cun mes de marxe no medio, arrincará a 17ª edición do Torneo Internacional Cadete Sanxenxo.