Gabi Leis presenta a súa dimisión como adestrador do Ribadumia

O Salnés
29 de abril 2015

O técnico fixo pública a súa decisión, baseada en discrepacias coa directiva, ao finalizar o encontro de Copa Deputación no que o Ribadumia venceu por 2-1 ao Alondras

Fernando Sánchez e Gabi Leis adestrando o Ribadumia en Zacande PontevedraViva

Sorpresiva dimisión de Gabi Leis como adestrador do Club Deportivo Ribadumia.

O técnico anunciou a súa marcha ao finalizar o encontro de Copa Deputación que o Ribadumia gañou este martes por 2-1 ante o Alondras para meterse en semifinais da competición.

Leis basea a súa decisión en discrepancias coa xunta directiva tras as últimas xornadas de liga, nas que o equipo aurinegro se despediu das súas opcións á cuarta praza que dá dereito a xogar o play-off de ascenso.

A dimisión prodúcese a tres xornadas para o final da liga regular tras conseguir sen angustias certificar a permanencia en Terceira División, obxectivo do club a principio de tempada.

Xunto a Gabi Leis abandona a entidade o segundo adestrador, Fernando Sánchez.