A segunda xornada do Campionato de España de Ciclocrós volveu encher de colorido este sábado a Illa das Esculturas de Pontevedra.
Era a quenda das categorías Máster e as Cadete masculina e feminina, e o certo é que o espectáculo non defraudou, con Galicia sumando dúas novas medallas.
Ambos os dous metais chegaron en Máster, e un deles por un deportista de casa como o pontevedrés Manuel González Ojea. O ciclista do Bici O Con conseguiu a medalla de prata en Máster 60 tras unha bonita pugna co valenciano Abelardo Martínez, que finalmente se impuxo. Trátase da oitava medalla de Ojea nuns nacionais de ciclocrós.
Despois chegaría a segunda presea galega, esta vez un bronce por medio de Andrés Calvete en Máster 30.
Todo iso ocorreu pola mañá, e á primeira hora da tarde tomaron a testemuña os ciclistas cadetes, nos que a local Laura Capa (Farto) aparecía como aspirante ao podio. Non o conseguiu, e tivo que conformarse con ser a mellor galega no oitavo posto nunha carreira que venceu a catalá Sara Méndez con Ainara Albert (Delikia) no segundo posto e a asturiana Lydia Pinto na terceira. Sonia Domínguez (Marín) concluíu pola súa banda en trixésimo lugar.
Tampouco houbo medalla na categoría cadete masculina, na que se impuxo o madrileño Rubén Sánchez co seu compañeiro de selección Miguel Díaz segundo e o catalán Marc Masana terceiro. Nesta carreira Zoe del Río (Marín) concluíu no posto 35.
O Campionato de España de Ciclocrós de Pontevedra chegará ao seu fin este domingo 13 de xaneiro coa disputa das probas júnior, sub-23 e elite.