Garay renova, mentres Charly e Jesús Cambil súmanse á lista de baixas granates

Pontevedra
09 de xullo 2025
Actualizado: 10 de xullo

O club pontevedrés anunciaba esta tarde o acordo co defensor arxentino, que chegou ao Pontevedra hai dúas tempadas procedente do Mallorca

Garay, no partido contra o Guijuelo
Garay, no partido contra o Guijuelo / Pontevedra CF

Tras a noticia da retirada de Churre, o Pontevedra pode completar a súa parcela defensiva coa renovación de Benjamín Garay, pendente unicamente de saber que pasará con Ígor e Pelayo.

O club pontevedrés anunciaba esta tarde o acordo co defensor arxentino, que chegou ao Pontevedra hai dúas tempadas, procedente do Mallorca, para ser peza fundamental en todo momento nas aliñacións de Yago Iglesias, ben como central ou como lateral destro.

Garay leva disputados nada menos que 73 partidos (36 na súa primeira tempada e 37 na segunda) coa camiseta granate, a maioría como titular, dando un rendemento altísimo, até o punto de que o seu nome soaba con insistencia para varios equipos punteiros da 1ª RFEF.

Finalmente, o arxentino optou por renovar o seu compromiso polo Pontevedra, o que sen dúbida será unha nova moi ben acollida pola afección, que espera agora a ver os movementos pendentes no centro do campo e zona de ataque, para completar o persoal que vai dirixir Rubén Domínguez.

CHARLY E CAMBIL CAUSAN BAIXA

Segue o goteo de novidades sobre os compoñentes do cadro do Pontevedra que, tras lograr o ascenso a 1ª RFEF, non continuarán a tempada a piques de comezar no club granate.

Neste caso a quenda é para o dianteiro Charly e o centrocampista Jesús Cambil.

Carlos López "Charly" chegou hai dúas tempadas ao Pontevedra, despois de destacar no Bergantiños e logo no Zamora, ás ordes de Yago Iglesias. No seu primeiro ano conseguiu unhas excelentes cifras goleadoras, alcanzando 13 goles, aínda que a súa achega nas eliminatorias polo ascenso non estivo á altura do que se esperaba del, mentres que a última tempada quedou moi lonxe dese rendemento, logrando anotar unicamente 3 goles, xogando un total de 64 partidos, aínda que tan só 29 como titular.

Polo que respecta a Jesús Cambil, non tivo fortuna na súa estancia en Pontevedra, onde chegou procedente do Guijuelo. Custoulle alcanzar o seu mellor momento de forma e, cando o conseguiu, chegando a ser peza importantísima no equipo, sufriu unha grave lesión con rotura de ligamento cruzado nos últimos minutos do partido fronte ao Salamanca en Pasarón, o día 30 de novembro, que lle apartou do equipo o resto da tempada. Para o recordo quedará que a súa última acción en dito partido foi, xa co xeonllo roto, anotar o gol que significou o 3-1 final favorable aos granates.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora