Víctor Vázquez “Churre” abandona a práctica do fútbol no céspede, para seguir vinculado ao club que preside Lupe Murillo desde os despachos.
Faino tras sete anos defendendo a camiseta granate, nos últimos como capitán do equipo e coa pesada carga dunha grave lesión de xeonllo que se produciu no transcurso do partido en Escobedo, o xa afastado 17 de outubro, que lle impediu ser parte activa dos últimos meses do Pontevedra CF e do ascenso a 1ª RFEF.
Así o anunciou esta mesma tarde o Pontevedra nun comunicado no que di: “O club e Churre acordaron que continuará ligado ao Pontevedra CF desde unha nova función dentro do organigrama do club".
"Esta transición marca o inicio dunha nova etapa na súa traxectoria, agora desde outro rol, pero sempre co mesmo compromiso, paixón e sentimento granate que o caracterizaron durante todos estes anos”, engade o comunicado.
O xogador marinense foi peza fundamental para todos os adestradores que ocuparon o banco pontevedrés nestes sete anos, como ben se reflicte no citado comunicado.
Así, destaca que foi "capitán, líder dentro e fóra do campo, e un dos xogadores con máis partidos na historia recente do club, con preto de 200 encontros disputados".
Destacan que o seu legado en Pasarón vai moito máis alá dos números: representa os valores do esforzo, a constancia e o amor por unhas cores”.
O Pontevedra finaliza o seu emotivo comunicado indicando que “esta non é unha despedida, senón un novo capítulo que seguiremos escribindo xuntos”.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.