A Sociedad Deportiva Teucro anunciou a incorporación do porteiro internacional holandés Evan De Lange.
O novo gardameta xogará no equipo pontevedrés o que resta de tempada, con opción de ampliar o seu contrato unha campaña máis.
O porteiro, de 22 anos e 1,92 metros de altura, chega para reforzar a portaría dun Teucro mermado pola lesión de Pablo González, quen permanecerá de baixa arredor de dous meses.
Procedente do Kras/Volendam, equipo da máxima categoría do balonmán holandés, De Lange conquistou recentemente a Copa dos Países Baixos, sendo ademais elixido MVP da final.
O seu debut profesional produciuse con tan só 17 anos no HV Quintus e desde entón destacou como unha das novas promesas do balonmán do seu país.
A nivel internacional, o novo porteiro teucrista participou nas seleccións sub-18 e sub-20 de Países Baixos e foi incluído no equipo All-Star do Campionato Internacional Sub-20 con apenas 17 anos.
O seu salto ao máximo nivel chegou en 2023, cando debutou coa selección absoluta, disputando varios encontros internacionais.
Desde a entidade pontevedresa sinalan que esta incorporación forma parte do novo proxecto deportivo liderado por Sergio Carballeira, co obxectivo de seguir construíndo un bloque competitivo a medio prazo.
"O club busca con esta incorporación ir dándolle forma ao novo proxecto, sumándolle pezas que nos acheguen un pouco máis aos obxectivos", indicaron.