Gonçalo Areias desvincúlase do Teucro: "Entristéceme, pero os motivos son de forza maior"

Pontevedra
22 de decembro 2025

O central portugués causa baixa "por motivos estritamente laborais" alleos ao balonmán, explica a entidade pontevedresa

Despedida de Gonçalo Areias como xogador do Teucro
Despedida de Gonçalo Areias como xogador do Teucro / SD Teucro

A etapa de Sergio Carballeira como adestrador da Sociedad Deportiva Teucro vaise a iniciar cunha baixa inesperada no plantel.

Gonçalo Areias solicitou a súa marcha ao conxunto pontevedrés, e de feito despediuse do equipo tras o encontro disputado na cancha do Carballal.

O central portugués desvincúlase do Teucro "por motivos estritamente laborais, derivados de cambios na súa actividade laboral, que pasa a desenvolverse de maneira presencial na cidade de Sevilla", explica a Xunta Xestora da entidade tras aceptar a súa petición.

"É algo que me entristece, pero os motivos son de forza maior", xustificou o propio xogador.

"Todo o tempo que pasei polo club sentinme como na casa, tratáronme como un máis. Desexar todo o mellor para o club, que oxalá poida seguir crecendo. Seguro que vai pasar", asegurou na súa despedida.

Areias vivía a súa terceira tempada no Teucro, no que arterrizó na campaña 2021-2022 e ao que regresou a pasada tempada.